Publicador de contidos

Publicador de contidos

A presenza de toxina obriga a pechar practicamente todos os polígonos bateeiros de Galicia

A presenza de toxina obriga a pechar practicamente todos os polígonos bateeiros de Galicia

3.200 bateas, dun total de 3.400, permanecen pechadas. Só están abertos os polígonos das rías de Ares e Betanzos. 

Preocupación no sector ante a posibilidade de que o mercado quede desabastecido de mexillón  

TVG
G24.gal 13/05/2026 15:17

Todos os polígonos bateeiros agás os das rías de Ares e Betanzos están pechados pola presenza de biotoxina, o que obriu a pechar tamén mesmo algúns bancos marisqueiros.

Esta marea vermella paraliza a produción de mexillón nun  momento clave da campaña, cando a produción comezaba a recuperarse.

Preocupa o peche tamén porque podería alogarse uns meses e mesmo provocar o desabastecemento dos mercados

Das máis de 3.400 bateas autorizadas para o cultivo do mexillón, 3.200 permanecen pechadas neste momento pola presenza das biotoxinas. Unha situación que lle afecta á práctica totalidade dos polígonos bateeiros.

Desde a Xunta de Galicia precisaron que, desde mediados de abril, semana a semana fóronse incrementando as células de Dinophysis acuminata, produtoras de toxinas.

"Temos pechados nas Rías Baixas: a maior parte da ría de Arousa, concretamente as zonas 1,2 e 3; a maior parte da ría de Pontevedra, concretamente as zonas 3,4 e 5 e a maior parte da ría de Vigo, concretamente as zonas 1 e 2. É dicir, é un episodio importante" asegura Covadonga Salgado, a directora do Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia).

E no sector medra a incerteza porque non saben cando van reabrir os polígonos.Esta marea vermella paraliza a produción de mexillón nun momento clave da campaña, cando o produto comezaba a recuperarse e tras un período de inactividade longo.

"As toxinas non son especialmente malas. Nós convivimos con elas desde que cultivamos o mexillón. O problema é cando se prolongan no tempo. Se duran os períodos que se esperan, como e outono, forma parte do proceso natural do cultivo, non ten problema. O problema é cando duran demasiado tempo. Esta que vimos de pasar, a de outono, durou moito e chegou máis alá da campaña de nadal. Enlazouse cos temporais de inverno, co cal houbo moitas perdas de mexillón", afirma Álex Tubío, mexilloeiro.

Os niveis de toxina que se están a acadar son importantes. Preocupa este peche amais porque podería alongarse e mesmo provocar desabastecemento nos mercados.

"Si, eu creo que vai quedar desabastecido o mercado. Entrará produto doutras zonas. É un problema porque neste momento o mexillón estaba gordísimo. Estaba no seu mellor momento desde hai anos", di Diego Garra Oubiña, da empresa Benito Oubiña.

Preocupan os niveis de toxina, pero no sector lamentan tamén outros problemas que veñen padecendo desde hai meses

"Este ano o maior problema que estamos tendo é o tema da crí. É moi escasa", asegura Manuel Janeiro, presidente da Asociación Amevila.

As analíticas estanse a realizar como é habitual todos os días e desde o sector confían e agardan que este episodio remita para poder retomar a actividade o antes posible.

Visita da conselleira do Mar ás instalacións de Opmega

Precisamente este mércores a conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou en Boiro as instalacións da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), onde destacou que o sector é un "motor estratéxico" da acuicultura galega.

O Executivo autonómico indicou nun comunicado que o encontro permitiu coñecer de primeira man os avances no traballo que realiza Opmega e reforzar a colaboración cun sector que é un "piar básico".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade