Rescatan un veleiro francés a piques de chocar coas bateas en Muros
Quedou á deriva ao subir a marea
Foi remolcado por un pesqueiro e o GES de Muros
Fondearon con marea baixa na praia das Laxeiras e marcharon facer uns recados a Muros. Cando regresaron, sorpresa, o iate desaparecera.
"A xente de fora é moi confiada e non se fixa nas mareas. Este barco botou o largo xusto de cadea para fondear en marea baixa. Cando subiu a marea soltouse a áncora", explica Ramón Fernández, oficial do GES de Muros.
"Alguén viu o barco á deriva, comprobou que non tiña a tripulación dentro e chamou ao 112 para dar a alarma e coller o barco".
Semella que nesta embarcación de bandeira francesa quedaron curtos co amarre e esqueceron que a marea pode subir en pouco tempo. O vento tampouco axudou e levou o barco contra as bateas.
"Non lle deron suficiente espío. Deixárono en zona resgardada, pero despois o vento levantouse, o rizón garreou e foi collendo máis fondo. Por iso foi contra as bateas".
Por sorte un mariñeiro que andaba pola zona chegou a tempo e remolcou a embarcación coa axuda do GES de Muros.
"Decidimos traelo a terra porque estaba moi preto das bateas e tiñamos medo de que batera e danara o barco", comentan desde o GES de Muros.
Nesta vila mariñeira algúns tiran de retranca para explicar o descoido do patrón.
"Igual tivo que ver don Albariño, pero non se pode dicir".
"Posiblemente foron comer, tomaron uns chiquitos e se despistaron".
Finalmente todo quedou nun susto. O veleiro quedou intacto e a tripulación xa emprendeu o camiño de regreso despois dunha accidentada escala en Galicia.