Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abertos máis da metade dos polígonos de bateas ao remitir a marea vermella

Abertos máis da metade dos polígonos de bateas ao remitir a marea vermella

Tamén se pode mariscar en case todas as zonas

O Intecmar prosegue este luns analizando mostraxes e, se continúa a melloría, abrirían outros seis polígonos

G24.gal 21/06/2026 13:35

Ninguén diría que é domingo á vista da actividade no porto de Vilanova de Arousa. O episodio de toxina lipofílica que empezou en abril e que tivo o seu punto álxido a mediados de maio, con todas as bateas de Galicia pechadas, afectou moito ao sector mexilloeiro. Aqui estiveron parados un mes, levan traballando unha semana e non hai tempo que perder.

"Empezouse a traballar cunha forza importante porque o mexillón está nunha plenitude que levabamos moitos anos sen ver. Está fabulosamente ben e facemos un chamamento á xente para que o consuma e aproveite este momento óptimo e que se poida sacar das bateas este produto que é marabilloso", comenta Diego Garra Oubiña, responsable de Mariscos Benito Oubiña.

Esta semana pasada recuperouse a actividade en 19 polígonos de bateas, do total de 52 que hai en Galicia, e en catro zonas de marisqueo. Nestes momento están abertos máis da metade dos polígonos de bateas. Tamén case todas as zonas de marisqueo, agás unha de Muros e outra no Vicedo-O Barqueiro.

"Hai un sistema de control moi rigoroso, moi intenso en canto a periodicidade,  cando a situación é de risco e cómpre pechar as zonas o máis axiña posible e tamén intenso, como nestes momentos que hai melloría, para reabrir as zonas tan pronto como sexa posible e con seguridade, para que o sector poida traballar con todas as garantías", detalla Covadonga Salgado Blanco, directora do Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar).

As condicións meteorolóxicas, con ventos do norte, axudan a renovar as augas e contribúen a desintoxicación natural dos moluscos.

"O vento norte fai que haxa moita renovación, como cando na casa abrimos as ventás e se limpa o ambiente. Iso favorece moito aos moluscos, porque estamos falando dun fenómeno totalmente natural", explica Covadonga Salgado Blanco, directora do Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar).

O Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño vai facer novos controis este luns. Se o resultado é favorable, poderían abrir outros seis polígonos dos 24 que permanecen pechados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade