Mariscadoras por un día, para poñer en valor o traballo e evitar o furtivismo
As mariscadoras compaxinan este labor formativo co seu traballo nas praias
O prezo da actividade é de 10 euros para os adultos e 5 para cativos
En Muros calquera pode probar a ser mariscadora por unhas horas grazas a unha iniciativa dun grupo de mariscadoras que se formaron en turismo. Compaxinan este labor formativo co seu traballo nas praias.
Adela, Ricardo, Divina e Loli forman parte do grupo de nove mariscadoras profesionais de Muros que están detrás do proxecto Senda Salgada, financiado con fondos europeos.
"Poñer en valor toda esta contorna en que traballamos, o noso traballo e xerar uns ingresos para as persoas que o levamos a cabo" explica Adela Lestón, presidenta da Agrupación de marisqueo a pé de Muros
En maio empezaron a actividade con colexios e agora con grupos pequenos de turistas. O punto de partida é o muíño das mareas e de aí á praia de Anido. Por 10 euros os maiores e cinco os cativos, os participantes teñen a oportunidade de experimentar o que é un día de traballo das mariscadoras.
"Aos nenos o que máis lles chama a atención son os rastros pequenos e os caldeiros. Aos maiores tamén lles gusta probar coa gancha grande, meterse na auga, comprobar como se extrae, o peso das ferramentas de traballo", di Lestón
Non temen que esta experiencia sexa un incentivo para os chamados furtivos de bañador. Máis ben ao contrario.
"Esa xente que leva marisco e non sabe o risco que ten para a súa saúde, imos explicarllelo e seguramente non o volverá levar".
Ademais de converterse en mariscadores por un día, outra ruta explica o traballo portuario e na lonxa.