Os Estados Unidos interceptan outro buque preto de Venezuela
De momento non hai máis detalles sobre a embarcación nin o lugar exacto no que a Garda Costeira está a interceptala, segundo ABC News
Donald Trump xa incautou a semana pasada un primeiro petroleiro sancionado que saíra do país suramericano e confiscou o cru que este transportaba
Venezuela di que Irán lle ofrece apoio para "enfrontar a piratería" de EEUU
Petroleiro de Venezuela no mar Caribe (Reuters)
Estados Unidos está a interceptar nestes momentos outro buque sancionado en augas internacionais do mar Caribe, fronte ás costas de Venezuela, segundo medios estadounidenses.
O Goberno do presidente Donald Trump xa incautou a semana pasada un primeiro petroleiro sancionado que saíra do país suramericano e confiscou o cru que este transportaba.
ABC News, que cita a tres funcionarios de Estados Unidos, indica que non hai máis detalles sobre a embarcación nin o lugar exacto no que a Garda Costeira está a interceptala.
O Exército estadounidense "está a prestar apoio" con helicópteros que transportan a persoal da Garda Costeira ao buque e que tamén supervisan a operación, segundo a cadea NBC News.
Por agora, Trump non se pronunciou sobre esta operación.
O mandatario intensificou nas últimas semanas a súa presión sobre Venezuela, e recentemente ordenou un bloqueo total á entrada e saída deste país a buques petroleiros sancionados polo Goberno estadounidense.
Ademais, o republicano afirmou o pasado mércores que o país caribeño quitou os dereitos petroleiros ás empresas de EE.UU.
"Lembren que nos quitaron todos os nosos dereitos enerxéticos. Quitáronnos todo o noso petróleo non fai tanto. Querémolo de volta. Quitáronnolo ilegalmente", declarou o mandatario á prensa desde a base aérea Andrews, nos arredores de Washington.
Venezuela di recibir de Irán ofrecemento de apoio para "enfrontar a piratería" de EEUU
O Goberno venezolano afirmou este sábado ter recibido de Irán un ofrecemento de cooperación "en todos os ámbitos" para afrontar "a piratería e o terrorismo internacional" de Estados Unidos, que mantén un despregamento militar en augas do mar Caribe próximas á nación suramericana.
O ministro de Exteriores, Yván Gil, indicou na súa canle de Telgram que recibiu unha chamada do seu homólogo iraniano, Abás Araqchí, durante a que analizaron "os recentes acontecementos no Caribe, especialmente as ameazas, actos de piratería de Estados Unidos e o roubo de buques cargados de petróleo venezolano".
"Unha mostra plena de solidariedade do Goberno da República Islámica de Irán, así como o seu ofrecemento de cooperación en todos os ámbitos para enfrontar a piratería e o terrorismo internacional que Estados Unidos busca impoñer mediante a forza militar, violando a Carta de Nacións Unidas e o dereito internacional", di que recibiu o ministro de Exteriores de Venezuela do seu homólogo de Irán.
Ambos tamén repasaron as relacións entre os seus países "no marco do acordo estratéxico" bilateral, agregou.
O pasado 12 de decembro, Irán cualificou de "piratería estatal" a incautación por parte de EE.UU. dun petroleiro que transportaba cru venezolano no Caribe e asegurou que Washington debe render contas por esa acción.