Os arquivos desclasificados do caso Epstein inclúen novas fotos de Clinton
O Departamento de Xustiza dos EUA publicou só unha parte dos documentos moi censurados
A lei esíxelle á Administración Trump difundir todo o material relacionado co pederasta
Dúas das fotos publicadas. REUTERS/Jonathan Ernst
O Departamento de Xustiza dos EUA publicou este venres milleiros de arquivos do caso do pederasta Jeffrey Epstein. É só unha parte moi censurada, malia que a lei lle esixe a publicación de todo o material.
A nova partilla non contén grandes revelacións pero si decenas de fotos do expresidente Bill Clinton e fotografías do falecido financeiro, xunto a figuras do espectáculo como Mick Jagger e Michael Jackson.
Nunha das imaxes difundidas, Clinton aparece relaxado nun jacuzzi, cos brazos detrás da cabeza, acompañado por outra persoa co rostro tapado. A portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt, foi das primeiras en compartir a fotografía na súa conta de X cunha mensaxe de asombro: "Meu Deus!".
Os documentos desclasificados, que se poden consultar nunha web, inclúen polo menos outras cinco imaxes do exmandatario demócrata. En dúas aparece xunto a Epstein e noutras está nunha festa co cantante británico Mick Jagger, sen presenza do financeiro.
Clinton nunha das imaxes. Departamento de Xustiza vía REUTERS
A Xustiza dos Estados Unidos publicou un total de 3.965 arquivos, cun tamaño aproximado de 3 xigabytes, repartidos en catro novos conxuntos de datos.
A maioría son documentos en formato PDF, ademais dun arquivo de vídeo e varias imaxes individuais, algunhas delas integradas en expedientes de múltiples páxinas.
As autoridades subliñaron que a natureza sensible do caso obrigou a revisar e censurar cada documento para protexer información privada e a identidade das vítimas.
Epstein faleceu en prisión no 2019, por suicidio segundo o forense, mentres agardaba para ser xulgado como xefe dunha rede de abuso sexual e prostitución de menores.
Demócratas do Comité de Supervisión da Cámara de Representantes vía REUTERS
Donald Trump, que inicialmente se amosou reticente a apoiar a divulgación dos documentos, terminou asinando a lei tras constatar o amplo apoio do Congreso.
O mandatario aparece mencionado en diversas ocasións nos arquivos relacionados con Epstein, amigo co que rachou relacións, segundo el, no 2004, anos antes da primeira acusación formal contra o financeiro.
Pola súa banda, o fiscal xeral adxunto, Todd Blanche, dixo este venres que non será posible publicar todos os documentos esixidos por lei dunha soa vez por mor do seu volume, e anticipou que o Departamento de Xustiza prevé liberar "varios centos de miles máis" nas vindeiras semanas.