Publicador de contidos

Publicador de contidos

Venezuela detén o exdeputado Guanipa e ordena o arresto domiciliario doutros dous opositores

Venezuela detén o exdeputado Guanipa e ordena o arresto domiciliario doutros dous opositores

O Parlamento, de ampla maioría chavista, aprobou o xoves en primeira discusión o proxecto de lei de amnistía que agora debe ser avaliado nun segundo e último debate

Guanipa encabeza unha marcha despois da súa liberación. Jesus Vargas / dpa Guanipa encabeza unha marcha despois da súa liberación. Jesus Vargas / dpa
G24.gal 09/02/2026 20:07

As autoridades de Venezuela confirmaron o luns a nova detención do exdeputado Juan Pablo Guanipa logo de encabezar unha caravana ao saír do cárcere o domingo, e ordenaron o arresto domiciliario dos tamén opositores detidos Freddy Superlano e Perkins Rocha, unhas medidas que se anuncian ás portas do debate esta semana dunha lei de amnistía.

Ramón Guanipa, fillo do exdeputado, denunciou este luns nunha rolda de prensa que descoñece o paradoiro do seu pai logo de que “homes non identificados” o levasen a noite do domingo e de que a Fiscalía anunciase que solicitou a revogación da medida de excarceración por un réxime de arresto domiciliario.

Ningunha autoridade, proseguiu, o informou de se o dirixente político está a ser trasladado á súa residencia en Maracaibo, ou a algún outro lugar para cumprir con esta nova medida.

“O meu pai non cometeu ningún delito nin ningunha violación ás súas medidas cautelares. Eu teño a boleta de excarceración do meu pai que indica claramente que as únicas condicións que tiña eran a presentación cada 30 días ante o tribunal e a prohibición de saída do país”, engadiu o fillo de Guanipa.

Con todo, horas despois, Orlando Moreno, coordinador nacional de Vente Venezuela (VV), partido da líder opositora María Corina Machado, dixo á prensa que Guanipa se atopaba detido no comando policial de Mariperez, no norte de Caracas.

Ante este feito, o partido Primero Justicia convocou unha protesta en Maracaibo para esixir a liberdade de Guanipa.

Horas en liberdade

Guanipa fora excarcerado a tarde do domingo xunto a outro grupo de opositores próximos á líder opositora María Corina Machado. Tras isto, o opositor encabezou xunto a outros activistas políticos unha caravana de motocicletas e automóbiles que se dirixiron a varios cárceres para apoiar os familiares de presos políticos.

Este luns, a Fiscalía informou, a través dun comunicado, que solicitou ante un tribunal revogar “a medida cautelar (excarceración) acordada” a Guanipa por, supostamente, “terse verificado o incumprimento das condicións” impostas polas autoridades xudiciais.

A institución declarou que pediu que o exdeputado pase “a un réxime de detención domiciliaria”.

Entretanto, o avogado de Guanipa, Joel García, reiterou que o tribunal só estableceu a presentación cada 30 días ante a corte e a prohibición de saída do país.

“A Fiscalía fala de ‘incumprimento’, pero a boleta de excarceración esixe presentarse cada 30 días. Se Guanipa saíu onte, é materialmente imposible incumprir unha obriga cuxo prazo nin sequera comezou”, argumentou en X.

Arrestos domiciliarios

O exdeputado Freddy Superlano, un dos primeiros detidos tras as eleccións presidenciais de 2024, foi excarcerado a madrugada deste luns como parte do proceso de liberacións que iniciou hai un mes o país caribeño, segundo informou o seu partido Voluntad Popular (VP), que compartiu en X un vídeo do político reencontrándose coa súa familia.

Superlano publicou na mesma rede social unha mensaxe na que pide seguir orando para que todos os presos políticos sexan liberados “nas próximas horas”.

Pola súa parte, a Plataforma Unitaria Democrática (PUD), a maior coalición opositora de Venezuela, indicou que o exdeputado ten agora unha medida de arresto domiciliario, polo que esixiu a súa liberdade plena.

Igualmente, Perkins Rocha, asesor xurídico da PUD, foi excarcerado o domingo con “medidas cautelares moi estritas”, segundo informou a súa esposa, María Constanza Cipriani.

A PUD indicou que Rocha tamén ten unha medida de arresto domiciliario e Cipriani compartiu en X unha fotografía do avogado na cun dispositivo electrónico de xeolocalización.

Lei de amnistía en proceso

O venres, o presidente do Parlamento, o chavista Jorge Rodríguez, dixo que o proxecto de lei de amnistía, proposto pola presidenta encargada Delcy Rodríguez, será aprobado esta semana.

Ademais, anunciou ante as nais que manteñen vixilias fronte á sede dun comando da Policía Nacional Bolivariana, a liberación de “todos” os presos políticos o mesmo día que se aprobe o texto lexislativo.

Pola súa parte, monseñor Jesús González de Zárate, presidente da Conferencia Episcopal de Venezuela (CEV), pediu este luns evitar sinais contraditorias no proceso de amnistía.

O Parlamento, de ampla maioría chavista, aprobou o xoves en primeira discusión o proxecto de lei de amnistía que agora debe ser avaliado nun segundo e último debate.

De acordo coa ONG Foro Penal, en Venezuela hai 687 presos políticos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar