Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo pídelle "responsabilidade" a Vox para que non se converta "nun muro" en Aragón

Feijóo pídelle "responsabilidade" a Vox para que non se converta "nun muro" en Aragón

O líder do PP di que, elección tras elección, os cidadáns dinlle a Sánchez que "non o soportan nin a el nin ao seu Goberno"

O PSOE admite que os resultados non son os que lles gustaría, pero evita a autocrítica

Vox está disposto a formar parte do goberno de Azcón e reclama consellerías "con presuposto"

O presidente en funcións de Aragón, Jorge Azcón, xunto ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo (EFE/Kiko Huesca)
G24.gal 09/02/2026 14:43 Última actualización 09/02/2026 15:09

A Xunta Directiva Nacional do PP celebrou este luns en Génova os resultados das eleccións autonómicas de Aragón. O presidente do partido cre que apuntan directamente a Pedro Sánchez. "A xente xa non o atura", dixo Alberto Núñez Feijóo diante dos seus.

O líder do PP pregúntase cantas desfeitas electorais máis necesita o presidente do Goberno para convocar unhas xerais. Cre Núñez Feijóo que está "alongando a agonía política de España" porque "decidiu que todo o seu partido se afunda con el".

En Ferraz, tamén fan análise. Pedro Sánchez reuniuse coa executiva federal do PSOE para falar duns resultados que, admiten, non son os que querían.

Pouca autocrítica na sede socialista, que prefire poñer o foco nos resultados do PP, ao que consideran "gañador aritmético" pero "perdedor político".

"Acabar peor do que estaba, iso é un fracaso estrepitoso", dixo a súa voceira Montse Mínguez en conferencia de prensa. Na súa opinión, o líder o PP "converteuse no mellor xefe de campaña do señor Abascal".

O presidente do PP pediulle este luns "responsabilidade" a Vox nas negociacións para investir a Jorge Azcón como novo presidente. Os de Abascal aseguran que queren gobernar e reclaman "consellerías con estrutura, con presuposto", segundo o seu voceiro José Antonio Fúster.

As eleccións aragonesas tamén obrigan a reflexionar aos partidos estatais á esquerda do PSOE. Podemos quedou sen representación no parlamento autonómico, e admite que o seu resultado é "moi malo".

A Podemos, a Sumar, e aos partidos nacionalistas de esquerda, Gabriel Rufián proponlles crear unha candidatura única para as próximas eleccións xerais. "Máis cabeza e menos pureza", escribiu nas redes sociais. Pero o certo é que nin o seu partido, ERC, comparte a idea. Tan só Sumar estaría a favor desa lista colectiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade