Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez defende a súa xestión: Transformamos a realidade e melloramos a vida das persoas

Sánchez defende a súa xestión: Transformamos a realidade e melloramos a vida das persoas

"Creamos tres millóns e medio de empregos. Superamos por primeira vez a cifra histórica dos 22 millóns de afiliados á Seguridade Social e a taxa de paro é a máis baixa dos últimos 18 anos"

Pedro Sánchez co ministro Óscar Puente. MINISTERIO DE TRANSPORTES Pedro Sánchez co ministro Óscar Puente. MINISTERIO DE TRANSPORTES
G24.gal 01/06/2026 23:32

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu este luns a súa xestión á fronte do Executivo, no que cumpriu oito anos desde a súa investidura, e afirmou: "transformamos profundamente a realidade e melloramos a vida das persoas".

Nunha longa mensaxe publicada na rede social X, Sánchez detallou todos os logros económicos e sociais acadados durante o seu mandato, nos que se fortaleceron o PIB, o emprego, os dereitos laborais e o Estado do benestar.

"Desde 2018 ata agora, o noso PIB creceu un 12,3 %, tres puntos máis que a media da UE, case o dobre que o de países como Italia ou Francia e 10 veces máis que o de Alemaña", afirmou.

E engadiu: "creamos tres millóns e medio de empregos. Superamos por primeira vez a cifra histórica dos 22 millóns de afiliados á Seguridade Social e a taxa de paro é a máis baixa dos últimos 18 anos".

Tamén destacou que se subiu o salario mínimo un 66 %, dando a empresas e traballadores ferramentas como os ERTE para evitar que os despedimentos sexan "a resposta natural ás crises".

"Aprobamos unha reforma laboral que reduciu a temporalidade en 12 puntos e fixo que o salario medio crecese un 23 %, catro puntos por riba da inflación", proseguiu.

O presidente tamén resaltou o impulso dunha "profunda transformación estrutural do noso tecido produtivo" da man dos Fondos do Plan de Recuperación que negociamos en Bruxelas. "Xa despregamos 67.000 millóns de euros para a modernización da nosa economía, que permitiron impulsar a dixitalización e a transición verde".

"A nosa aposta pola enerxía limpa e barata permitiunos máis que duplicar a potencia instalada de renovables desde 2018. As enerxías renovables pasaron de xerar o 39 % da nosa electricidade en 2018 ao 56 % en 2025", indicou tamén.

O Goberno, asegurou, redobrou nestes oito anos a súa aposta pola educación e a innovación, superando por primeira vez os máis de 2.500 millóns ao ano dedicados a bolsas e axudas ao estudo. "E culminamos a reforma da Formación Profesional, financiando a creación de 400.000 novas prazas, o que permitiu que hoxe teñamos case un 50 % máis de alumnos que en 2018", dixo.

Os dereitos sociais e a súa expansión son outro dos logros destacados polo presidente, que explicou que cando chegou ao Goberno "os pais tiñan un permiso de pouco máis dun mes cando nacía o seu fillo" e "hoxe temos un sistema de permisos igualitarios e intransferibles para pais e nais de 19 semanas".

"Aprobamos unha reforma das pensións destinada a dar certeza aos pensionistas presentes e futuros, mellorar as pensións mínimas e fortalecer a súa sustentabilidade. Hoxe os pensionistas teñen garantido o seu poder adquisitivo, o que permitiu que a pensión media pasase de 950 € ao mes en 2018 a 1.400 € hoxe".

En canto ao Ingreso Mínimo Vital, subliñou Sánchez que serviu para protexer as rendas de máis dun millón de fogares vulnerables, e que permitiu que a desigualdade e a pobreza estean hoxe "nos mínimos das últimas dúas décadas".

E ademais, engadiu, neste tempo fortaleceuse o Estado do benestar incrementando un 174 % o financiamento á dependencia, aumentando un 54 % as prazas de Formación Sanitaria (MIR) e multiplicando por oito o investimento estatal en vivenda.

"Queda moitísimo por facer. Pero estes oito anos demostran o moito que podemos facer xuntos e xuntas. Seguimos", concluíu o presidente Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar