Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez condena a violación da integridade territorial de España e anuncia a instalación de boias no espigón de Ceuta

Sánchez condena a violación da integridade territorial de España e anuncia a instalación de boias no espigón de Ceuta

Para o presidente do Goberno, o que sucedeu foi unha lectura interesada por parte das mafias que trafican con seres humanos da sentenza do Tribunal Supremo que impedía o retorno en quente das persoas que cheguen a nado

Feijóo cre que Sánchez non está á altura: "Un territorio español está a ser ocupado"

Preto de 50.000 persoas entran en Ceuta, onde xa van 34 mortos por afogamento

directo EFE/Reduan Dris
G24.gal 31/07/2026 13:12 Última actualización 31/07/2026 15:14

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, condenou este venres o que considerou un "ataque" e "unha violación da integridade territorial de España" coa entrada irregular en Ceuta de miles de persoas desde Marrocos e garantiu todas as medidas necesarias para facerlle fronte.

Nunha comparecencia pública na cidade autónoma, Sánchez garantiu aos ceutís que "toda España está con eles", e afirmou que o Goberno se fai cargo do estado emocional e a situación de "angustia" que están a vivir.

Afirmou que o Goberno esta utilizando todos os resortes e recursos do Estado para garantir a seguridade dos ceutís e a convivencia na cidade.

Para o presidente do Goberno, o que sucedeu foi consecuencia da propagación en redes sociais dunha lectura interesada, por parte das mafias que trafican con seres humanos, da sentenza do Tribunal Supremo que impedía o retorno en quente das persoas que cheguen a nado.

Á espera de posibles reformas legais, Sánchez explicou que se vai a dar unha resposta "conxuntural" e solicitou á empresa Sasemar, encargada de salvamento marítimo, que despregue boias no espigón, en colaboración coa Armada e coa Garda Civil.

O obxectivo, segundo explicou, é crear unha barreira de contención visible que marcaría a liña fronteiriza e que pode facilitar o cumprimento da lei e da sentenza desde o punto de vista administrativo.

Á espera de determinar se é necesaria algunha modificación legal, subliñou que xa se están axilizando os expedientes de expulsión de quen chegou estes días a Ceuta. Tamén se amosou disposto a estudar unha posible reforma da lei de estranxeiría para garantir que as "repatriacións en fronteira se fagan "do xeito máis eficiente posible".

En conferencia de prensa desde a cidade autónoma, Sánchez evitou calquera crítica a Marrocos e asegurou que as autoridades do país veciño están dispostas a cooperar para axilizar as repatriacións dos seus cidadáns.

Tras insistir en que se van a axilizar os expedientes de expulsión, sinalou que moitos dos migrantes que entraron nos últimos días e horas están xa volvendo a Marrocos.

E apuntou que se está facendo un labor de información para que quen está lonxe da fronteira saiban que poden regresar voluntariamente.

Sánchez fixo fincapé no descenso das entradas irregulares de migrantes nos últimos anos ata a "repunta" rexistrada en Ceuta e eloxiou a cooperación institucional. 

Retornados xa a Marrocos 25.000 migrantes dos 50.000 que entraron a Ceuta

Máis de 25.000 migrantes retornaron xa a Marrocos dos aproximadamente 50.000 que entraron de forma irregular á cidade autónoma de Ceuta desde a madrugada do venres 30 de xullo.Unha cifras que aumentarán ao longo da xornada, xa que as saídas da cidade autónoma están a producirse a un ritmo moi alto, de 150 persoas por minuto. 

Ademais, o numero de cadáveres atopados nas últimas horas na costa de Ceuta ascende a 34, informaron a EFE fontes policiais. As Forzas de Seguridade e os servizos de emerxencia seguen localizando corpos dos miles de persoas que se lanzaron ao mar desde as costas marroquís de Castillejos para intentar alcanzar a costa ceutí a nado.

Feijóo cre que Sánchez non está á altura: "Un territorio español está a ser ocupado"

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, coincidiu co presidente do Goberno en que se produciu unha violación da integridade territorial de España, pero considera que Pedro Sánchez "non está á altura" da crise que vive Ceuta: "Un territorio español está a ser ocupado".

Nun comunicado remitido aos medios este venres tras a comparecencia de Sánchez en Ceuta, Feijóo resalta que non se trata só dun problema migratorio, senón dunha "crise de soberanía" e pide ao Gobierno que asuma responsabilidades políticas "de xeito inmediato" e explique se houbo advertencias previas do que podía ocorrer.

Reclama que se convoque un pleno do Congreso para tramitar en lectura única a reforma da lei de estranxeiría porque, sostén, "unha fronteira non se asegura improvisando boias no mar para encaixar unha sentenza".

A situación que vive Ceuta, en opinión de Feijóo, esixe un despregamento "inmediato e masivo de medios" e o Goberno debe declarar a cidade "situación de interese para a Seguridade Nacional".

Pide así mesmo activar mecanismos "extraordinarios" para controlar a fronteira e insta ao Gobierno a aceptar o despregamento de Frontex."Quen entrou irregularmente teñen que volver e o Goberno debe habilitar hoxe, conforme a lei, o dispositivo que o faga posible", sinala o líder do PP, que expón facilitar ese retorno co abastecemento de auga e comida que poida necesitarse.

 

Vivas atribúe a entrada masiva a unha "manipulación de Marrocos da súa poboación"

O presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas (PP), atribuíu a entrada de miles de persoas a través da fronteira do Tarajal a unha “manipulación de Marrocos da súa poboación con fins partidistas” e cifrou en 60.000 as persoas que accederon á cidade.Nunha comparecencia de prensa este venres, acompañado polos portavoces dos grupos políticos da Asemblea, o presidente ceutí pediu unha resposta “contundente” por parte do Estado e aseverou que Ceuta está “ao bordo do colapso" e vivindo unha situación “dramática, límite e insoportable”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade