Violentos enfrontamentos no intento masivo de entrada de persoas a Ceuta e Melilla
Continúa o fluxo de persoas en Ceuta, e a fronteira con Melilla segue pechada
Fontes policiais precisan que son máis de 20.000 as persoas que entrarían a España
Efectivos militares foron despregados na fronteira xunto á Garda Civil tamén para garantir a seguridade no conxunto da cidade autónoma
O presidente do Goberno desprázase a Ceuta este venres acompañado polo ministro do Interior para abordar a crise migratoria
Paso fronteirizo de Beni-Enzar, Melilla, este venres (EFE/Paqui Sánchez)
Centos de persoas protagonizaron nas primeiras horas deste venres violentos enfrontamentos nos perímetros fronteirizos durante o seu intento de acceder desde Marrocos a Ceuta e Melilla.
Desde a localidade marroquí de Castillejos, fronteiriza coa cidade norteafricana española de Ceuta, grupos de persoas intentaron forzar o valo e lanzaban pedras contras as forzas de seguridade despregadas na zona.
Os efectivos marroquís lograron repregar inicialmente os migrantes cara ao lado marroquí da fronteira, pero os grupos regresaron pouco despois cun número maior de persoas e comezaron a lanzar perdas contra as forzas de seguridade, que responderon con gases lacrimóxenos para dispersalos.
Tras os enfrontamentos podían verse polo menos seis vehículos queimados e numerosas pedras esparexidas pola estrada principal cara á fronteira.
A chegada de persoas ás proximidades da fronteira con Ceuta non cesou durante toda a noite, con grupos procedentes de distintos puntos de Marrocos.
Na estrada e avenidas próximas ao paso fronteirizo vese numerosas persoas durmindo na rúa ou sobre o céspede.
Varias persoas que volveron á cidade tras intentar sen éxito chegar a nado a Ceuta aseguraron que viron persoas afogadas, aínda que este extremo non puido ser verificado por EFE. Tampouco houbo un balance oficial sobre posibles feridos ou danos materiais derivados dos enfrontamentos.
Ademais, preto do punto fronteirizo de Beni Nsar en Nador producíronse tamén violentos enfrontamentos entre as forzas da orde e centos de mozos, entre eles moitos menores, que trataron de acceder a Melilla tanto a través do valo fronteirizo como do porto, alertou a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH).
A AMDH sinalou que as autoridades despregaron un amplo dispositivo de seguridade e que as persecucións derivaron en enfrontamentos.
Segundo a organización, varios membros das forzas auxiliares e algúns mozos foron feridos e un gran número de persoas detidas.
Tamén indicou que dous vehículos das autoridades locais e outro utilizado para trasladar os detidos foron incendiados e varias decenas de mozos lograron acceder a Melilla.
Continúa o fluxo de persoas en Ceuta
Numerosas persoas seguen entrando en Ceuta desde Marrocos á primeira hora deste venres despois dunha madrugada na que a afluencia pola zona fronteiriza non cesou, segundo puido comprobar Europa Press.
Miles de inmigrantes accederon desde este xoves á cidade autónoma a nado e tamén a pé bordeando o espigón que separa de Marrocos a cidade autónoma. Fontes policiais precisan que son máis de 20.000 as persoas que entrarían a España.
Interior anunciou que acordara con Marrocos a devolución canto antes de todos os migrantes que entrasen ilegalmente a Ceuta. Mentres, efectivos militares foron despregados na fronteira xunto á Garda Civil tamén para garantir a seguridade no conxunto da cidade autónoma.
O presidente do Goberno Pedro Sánchez desprázase a Ceuta este venres, 31 de xullo, acompañado polo ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska para abordar a crise migratoria desatada na cidade autónoma coa entrada sen control de miles de persoas desde Marrocos.
A fronteira de Melilla segue pechada e acumúlanse centos de coches do Paso do Estreito
O paso fronteirizo de Beni-Enzar, o único operativo entre España e Marrocos en Melilla, segue pechado desde a noite deste xoves, cando quedou inoperativo por intentos de entrada de migrantes, mentres se acumulan centos de vehículos e viaxantes da Operación Paso do Estreito (OPE) para pasar ao país veciño.
Segundo puido comprobar EFE, segue habendo unha importante trasfega de patrullas da Garda Civil nas inmediacións do control fronteirizo, algunhas delas custodiando e abrindo camiño a grandes camiones do exército que se dirixían cara ao valo.
A Delegación do Goberno en Melilla informou de que o operativo para intentar evitar as entradas irregulares finalizou pasadas as sete e media da mañá deste venres e non é posible facilitar aínda unha cifra definitiva de cantos migrantes puideron acceder á cidade.