Publicador de contidos

Publicador de contidos

Francia reforza a fronteira e Italia propón suspender o acordo Schengen con España

Francia reforza a fronteira e Italia propón suspender o acordo Schengen con España

Tanto Finlandia como Dinamarca apoiaron este venres excluír a España do espazo Schengen

Albares convoca o embaixador italiano polas declaracións do seu homólogo sobre Ceuta

O Exército está despregado na fronteira do Tarajal, en Ceuta (EFE/Reduan Dris) O Exército está despregado na fronteira do Tarajal, en Ceuta (EFE/Reduan Dris)
G24.gal 31/07/2026 11:24 Última actualización 31/07/2026 14:21

O presidente francés, Emmanuel Macron, ordenou ao Ministerio de Interior que tome "todas as medidas oportunas para reforzar os controis na fronteira con España", ante a chegada masiva de migrantes desde Marrocos á cidade norteafricana española de Ceuta, e ofreceu o apoio de Francia.

"Están a manterse contactos coas autoridades españolas e marroquís para garantir un seguimento exhaustivo da situación e reforzar a coordinación entre os distintos servizos implicados", explicaron á prensa fontes da contorna do presidente.

En canto ao ofrecemento de axuda, as fontes indicaron que Francia está "disposta a prestar ás autoridades españolas todo o apoio necesario, se estas o solicitan, mesmo a través da axencia (europea) Frontex". 

Italia propón suspender o acordo de Schengen con España pola situación en Ceuta

O Goberno italiano está a considerar a suspensión da aplicación do Tratado de Schengen de libre circulación con España tras o ocorrido en Ceuta, segundo informaron este xoves fontes do Executivo.

A postura favorable a esta medida foi apoiada polo ministro de Asuntos Exteriores, Antonio Tajani, quen expresou o seu firme apoio ao traballo que vén realizando o titular do Interior, Matteo Piantedosi.

"Estou a favor de pechar o espazo Schengen con España e teño plena confianza no traballo do ministro Piantedosi. A inmigración irregular e descontrolada supón un perigo para a seguridade nacional", manifestou Tajani a través dunha publicación en X.

O xefe da diplomacia italiana vinculou directamente esta posible decisión ás medidas adoptadas recentemente polo Executivo español en materia de regularización, un proceso que equiparou erroneamente á concesión da cidadanía española.

"As imaxes procedentes de Ceuta mostran como a decisión do Goberno de Madrid de conceder a cidadanía española, e por tanto europea, a máis de 500.000 inmigrantes ilegais é profundamente errónea e fomenta a trata de persoas", engadiu Tajani, a pesar de que a regularización actualmente en marcha en España non establece a concesión da cidadanía.

A eventual suspensión das garantías de libre circulación do Tratado de Schengen -un mecanismo previsto con carácter excepcional pola normativa comunitaria para salvagardar a seguridade interior- suporía o restablecemento temporal dos controis fronteirizos entre Italia e España.

Ata o momento, o Ministerio de Exteriores non precisou cando se formalizará a petición ante as autoridades da Unión Europea nin os prazos nos que se aplicarían as posibles restricións.

Tanto Finlandia como Dinamarca apoiaron este venres excluír a España do espazo Schengen.

Albares convoca o embaixador italiano polas declaracións do seu homólogo sobre Ceuta

O ministro de Asuntos Exteriores de España, José Manuel Albares, convocou o embaixador de Italia en Madrid, Giuseppe Buccino Grimaldi, tras unhas declaracións do seu homólogo italiano, Antonio Tajani, en que se mostrou favorable a pechar o espazo Schengen con España ante a situación en Ceuta."Esta mensaxe é impropia do ministro de Exteriores dun país socio e amigo do que esperamos solidariedade europea e non demagoxia partidista", sinalou Albares nunha mensaxe na rede social X en que se fai eco desas palabras de Tajani.

Albares subliñou que os feitos de Ceuta teñen relación cunha sentenza do Tribunal Supremo (en alusión á que determina que non se pode devolver en quente a quen entre a nado en Ceuta e Melilla) e non ten nada que ver co proceso de regularización.

Por todo iso, anunciou que convoca o embaixador italiano para expresarlle o seu rexeitamento a esas declaracións de Tajani.

Fontes do Goberno insistiron niso e aseguraron que é falso que algunha persoa que cruzase nestes días a Ceuta poida acollerse a este proceso xa que este esixe uns requisitos moi definidos, como acreditar a residencia en España antes do 1 de xaneiro de 2026 e permanecer en España cinco meses continuados no momento de presentar a solicitude.

Von der Leyen di que as imaes de Ceuta "son inaceptables"

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, dixo este venres que as imaxes que chegan desde Ceuta, "son inaceptables" e engadiu que "as devolucións deben ser rápidas, tal e como permiten as nosas normas". "As imaxes que nos chegan desde Ceuta son inaceptables. Non podemos permitir que ninguén entre na nosa Unión sen respectar as nosas normas", sinalou a mandataria europea a través dunha mensaxe en redes sociais.

O chanceler alemán, Friedrich Merz, dixo este venres que España debe recupera o control en Ceuta, mostrou a súa satisfacción pola decisión española de non permitir aos migrantes entrar no continente europeo e afirmou que espera que Rabat readmita aos migrantes ilegais inmediatamente.

"España quere e debe recuperar o control da situación en Ceuta canto antes. Por iso, acollo con satisfacción a intención de España de non permitir que os migrantes ilegais entren no continente europeo", dixo Merz nun comunicado. "Esperamos que Marrocos readmita aos migrantes ilegais de forma inmediata", agregou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade