Publicador de contidos

Publicador de contidos

O BNG intensifica a presión para esixirlle ao Goberno o rescate da AP-9

O BNG intensifica a presión para esixirlle ao Goberno o rescate da AP-9

Néstor Rego reclama ademais "medidas inmediatas" para evitar a suba das peaxes na autoestrada no 2026

G24.gal 20/12/2025 12:35 Última actualización 20/12/2025 13:54

A só uns días dunha nova suba nas peaxes da AP-9, estimada en máis dun 4% a partir do vindeiro 1 de xaneiro, o BNG incrementou a presión para esixir ao Goberno que poña fin a estes pagos e que rescate de xeito "inmediato" a concesión.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, encabezou este sábado un acto de protesta, ante a peaxe de Vilaboa, no que dirixentes nacionalistas reivindicaron a transferencia da autoestrada a Galicia.

"É inxustificable que os galegos sigamos pagando por unha infraestrutura máis que amortizada", asegurou.

Segundo lembrou, a Unión Europea declarou ilegal a concesión a Audasa, que debería ter rematado hai xa 12 anos, polo que insta ao Goberno a actuar "canto antes" para resolvela.

Néstor Rego considera necesario priorizar os intereses da cidadanía "fronte aos dunha empresa participada por fondos voitre".

"Non ten ningún sentido seguir perpetuando un modelo que prexudica a mobilidade, a competitividade económica e a cohesión territorial".

En todo caso, o BNG reclámalle ao Goberno que adopte "medidas inmediatas" para evitar o aumento das peaxes no 2026, xa sexa negociando coa concesionaria ou asumindo os incrementos previstos con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.

"O futuro da AP-9 debe pasar por unha xestión pública, sen peaxes e ao servizo da maioría social da Galicia", defendeu.

Pídelle ao PSOE que retire as emendas

Para avanzar na transferencia desta vía, o BNG pídelle ao PSOE que retire as emendas rexistradas no Congreso, onde se tramita a iniciativa lexislativa aprobada por unanimidade no Parlamento galego. 

Ao seu parecer, as correccións achegadas polos socialistas "modifican substancialmente" o texto acordado.

"Só así se poderá facer efectiva a transferencia da autoestrada e garantir unha xestión ao servizo do país".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade