Xornada de reflexión co PP como favorito e a incógnita dos pactos en Estremadura
A candidata popular, María Guardiola, preséntase ás urnas cunha vantaxe clara nas enquisas, pero non lle dan maioría absoluta
O PSOE vive o seu momento máis difícil na comunidade e Unidas por Estremadura figura en liña ascendente nas sondaxes
Estremadura prepárase para votar nuns comicios nos que 891.000 persoas están chamadas ás urnas. Ademais da clave autonómica, un dos debates céntrase en se estas eleccións se poden interpretar como un termómetro da política estatal.
A candidata do Partido Popular, María Guardiola, figura nas enquisas claramente destacada sobre os seus competidores, pero sen maioría absoluta. Hoxe vive a xornada en familia como o resto dos candidatos, tras unha campaña enfocada en ampliar a súa base electoral na mocidade e entre os descontentos do socialismo.
A incógnita radica en se poderá gobernar en solitario ou se seguirá a depender de Vox, que fixo unha campaña máis centrada en Santiago Abascal ca no candidato nas urnas, Óscar Fernández.
O PSOE estremeño está en horas baixas e todo indica, a teor das enquisas, que o seu candidato Miguel Ángel Gallardo, recollerá os peores resultados históricos dos socialistas nesta comunidade.
Por certo, Gallardo está nesta xornada de reflexión na súa localidade natal, Villanueva de la Serena, onde onte pechou a campaña con Pedro Sánchez.
Máis á esquerda, Unidas por Estremadura (na que converxen Podemos e Izquierda Unida) non só resiste senón que todo apunta a que podería incrementar a representación deste espazo político.
Estremadura elixe este domingo 65 parlamentarios e a cifra máxica da maioría absoluta sitúase en 33 escanos. Ese número marcará o rumbo dos pactos postelectorais co PP como protagonista.