A folga de buses da provincia da Coruña deixa centos de viaxeiros en terra
Unha nova xornada de folga afecta este venres o transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña
Os sindicatos prevén un "endurecemento"das mobilizacións a partir de xaneiro, cunha folga indefinida
Imaxe dunha muller nunha parada de bus
Unha nova xornada de folga afecta este venres o transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña, o que deixou centos de viaxeiros en terra pola actuación de piquetes, cun seguimento "maioritario".
En declaracións a Europa Press, o representante da CIG na mesa de negociación, Ernesto López Rei, explica que as estacións de bus das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol están "paradas" esta mañá, pero "non hai incidencias". Así mesmo, lamenta que segue sen haber avances coa patronal sobre o convenio colectivo, pois "non hai negociacións".
Sinala que o pasado xoves recibiron ás 11:00 horas unha petición de mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, pero veo "irresponsable" por non haber convocatoria con máis antelación e cre que só buscaba desactivar esta protesta. Non hai previsión de futuros encontros.
Apunta que os viaxeiros que quedan sen poder viaxar este venres teñen que saber que "os responsables" están na patronal de transportes que "non queren" avances no convenio. "Non podemos estar catro anos sen convenio e pretender que non pasa nada", afirma. Os representantes dos traballadores demandan subidas salariais e melloras de horarios e conciliación. Tal e como se avanzou por parte de sindicatos o primeiro día de protesta hai unha semana, prevén un "endurecemento" das mobilizacións a partir de xaneiro cunha folga indefinida.
As protestas continuarán outros dous días este mes, o 15 e 19 de decembro. Á primeira hora da mañá os piquetes impediron a saída dos autobuses urbanos na cidade de Santiago, aínda que posteriormente comezaron a funcionar as liñas do hospital (1, C2 e C4).
Mentres, desde primeira hora da mañá podíase ver a viaxeiros nas plataformas das estacións da provincia á espera de saber se poderían viaxar este venres