Centos de persoas piden en Santiago un convenio xusto para o transporte colectivo
Convocadas pola CIG, rexeitan o preacordo presentado pola patronal e acusan de "traizón" a CC OO e UXT
Manifestación polas rúas de Santiago. EFE/Lavandeira jr
Centos de persoas saíron ás rúas de Santiago en defensa dun convenio xusto e salarios dignos para o sector do transporte en autobús da provincia da Coruña.
Convocadas pola CIG, marcharon dende a estación intermodal ata a praza do Toural e acusaron de "traizón" os sindicatos UXT e CC OO por se "vender" á patronal, na súa maioría o grupo Monbus
O conflito leva meses enquistado cun convenio caducado dende hai anos e un novo que o 70% do persoal rexeita ao consideralo "lesivo". A negociación, segundo denuncia a CIG, prodúcese nun contexto de "imposición", con poucos avances e ata doce xornadas de folga.
CC OO e UXT sentaron esta semana no Consello Galego de Relacións Laborais con representantes da parte empresarial para tentar avanzar nas conversas e asinar un preacordo, que a CIG rexeita porque, asegura, empeora a situación actual.
"O preacordo é amplo, pero ten tres cualificativos principais: é lesivo, omisivo e insuficiente", sinala o portavoz da CIG Ernesto López Rei.
Rexeita determinadas cláusulas incluídas no texto, como a ambigüidade na regulación das dietas ou a introdución dos 50 km de distancia no servizo que substituiría á cobranza de certos pluses.
Asegura que o documento non toca temas como "a xubilación parcial anticipada" ou a "incapacidade temporal" e contempla "unha suba salarial raquítica", que queda "practicamente no IPC" e unha baixada da xornada "ridícula", a 16 horas.
"Este preacordo non hai por onde collelo, pero non o di a CIG, dío o 70% do sector, que o rexeitou nunha votación realizada o pasado 4 de febreiro".
Segundo explica López Rei, a firma por parte dos dous sindicatos supón "o fin da folga", dado que teñen a maioría e convocar unha folga sería "ilegal".
Con todo, o representante da CIG lembra que o conflito "continúa" e que a manifestación deste domingo supón o comezo do conflito que lles vai levar ao seguinte convenio, que está ao virar a esquina, posto que este preacordo só é válido para este ano.