Publicador de contidos

Publicador de contidos

Stellantis abre desde Vigo unha nova vía de exportación con destino Turquía

Stellantis abre desde Vigo unha nova vía de exportación con destino Turquía

Este mércores saíu o primeiro tren con compoñentes da industria auxiliar galega 

O corredor terá frecuencia semanal e a previsión é mover uns 8.000 contedores ao ano

Imaxe do primeiro convoi que saíu este mércores desde o peirao de Guixar
G24.gal 16/09/2026 15:25

As pezas fabricadas na industria auxiliar galega con destino Turquía saen en contedores desde o peirao de Guixar, no porto vigués.

O primeiro treito faise por ferrocarril de Vigo a Alacant e alí cambia de medio de transporte, pero non de destino porque os compoñentes seguen a súa viaxe en barco ata Turquia. 

Uns 4 mil quilómetros despois, entrarán na cadea de produción da planta de Tofas, vencellada a Stellantis.

 "A nosa previsión é que Turquía se poida converter nun dos principais mercados de cooperación para mercar os nosos produtos ou tamén para intercambiar materias primas e compoñentes do vehículo eléctrico", asegura Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime)

Estas pezas non son só mercadoría que sae de Galicia, son o froito dunha especialización desenvolvida durante décadas ao redor da fábrica de Vigo e que permitiu crear unha potente industria auxiliar.

"O que se amosa con esta nova é a capacidade da nosa industria de exportar a súa fabricación e produción, especialmente no eido da automoción", explica Mallón.

Empresas que xa non producen só para Balaídos fabrican tamén para outras plantas do grupo. O corredor terá frecuencia semanal e a previsión é mover uns 8.000 contedores ao ano.

Conectan a industria galega cunha cadea de produción cada vez máis internacional porque agora xa non só exporta vehículos, tamén as súas pezas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade