A unha adega da Ribeira Sacra árdenlle a metade das viñas no incendio de Quiroga
Parte das vides que as lapas non queimaron tamén quedaron afectadas
Os propietarios da adega calculan que este ano perden o 70 % da colleita
O domingo pasado o inferno desatouse na aldea de Alvaredos, en Quiroga. O lume arrodeou o lugar e chegou a arder unha casa.
"Unha catástrofe. Salvamos a aldea pero deixamos dúas viñas aniquiladas e parte do resto da propiedade moi danado", comenta Cecilia Fernández, enóloga.
Este é o lugar de Alvaredos este xoves. Cecilia é enóloga de Alvaredos-Hobbs, unha adega creada por un veciño do lugar e o enólogo estadounidense Paul Hobbs dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
O lume arrasou a metade das cinco hectáreas de viñas coa que contan, e as que non arderon tamén se viron prexudicadas, polo que perderon o 70 % da colleita deste ano.
"Pois máis ou menos estamos cerca dos 20.000 quilos de uva na explotación e diría que temos uva que aínda segue verde e tal, estaremos nos 4.000, é dicir, unha diminución bastante importante. Conto que sobre dous mil e pico de godello e non chega a dous mil de mencía o que nos queda colgando", afirma Cecilia Fernández, enóloga.
E engade a enóloga, "agora mesmo estámonos centrando en darlle un pouco de auga, porque xa vedes como están, hai troncos moi negros, non sabemos a afectación que teñen dentro, teremos que ir avaliando como está planta por planta e ver como vai. A uva que quedou colgada nas videiras que se ve verde, o pouco verde que se ve na contorna, temos que ver como evoluciona, pero, ben, non contamos que sexa unha uva de grandísima calidade porque estivo dous días en contacto co fume, co lume, coa calor..."
Tratarán de facer elaboracións de proba para salvar o pouco que lles quedou nun ano no que as previsións de cara a vendima eran moi boas.
Precisamente este xoves, adegas de Valdeorras e da Ribeira Sacra comezaban as primeiras vendimas dunhas viñas que en moitos sitios actuaron como cortalumes naturais, mentres os Consellos Reguladores das zonas afectadas seguen a avaliar as perdas.