Os gandeiros das serras de Queixa e San Mamede organízanse para axudar os que quedaron sen alimento para os rabaños
Os gandeiros das serras de Queixa e San Mamede organízanse para axudar os que quedaron sen alimento para os rabaños
Despois de padecer no seu territorio o maior incendio da historia de Galicia, van 17.500 hectáreas queimadas, os gandeiros de Chandrexa de Queixa viven agora o pesadelo de non ter con que alimentar os seus animais
Ardeu o monte onde pacían os rabaños e en moitos casos tamén as pacas de herba almacenadas nas aldeas
"Era impresionante a fronte que traía ese lume. De feito eu traballei moitos anos en incendios, de brigadista, e nunca vin un lume con esa actitude. A menos de trinta metros non te podías nin achegar porque te abrasaba. Era como un furacán de fogo, un avión", Así describe o maior incendio da historia de Galicia Juan Manuel Rodríguez, gandeiro natural de Cotarós (A Pobra de Trives) e que ten a súa explotación en Paradaseca (Chandrexa). Sobe cos rabaños á serra en transhumancia desde a primavera ata o mes de Outubro, pero na serra non queda nada".
Activo desde o venres, 8 de agosto, o grande incendio de Chandrexa, unido desde hai tres días ao de Vilariño, abrangue xa a maior superficie queimada da historia do país. Deixa tras de si, din os veciños, unha sensación de desolación, nun territorio afeito ás soidades. Os concellos máis extensos, coas densidades de poboación máis baixas de Galicia está precisamente nestas áreas das Serras de Queixa e do Invernadeiro.
"Por sorte demos librado á nosa aldea grazas a axuda dos amigos, porque estabamos sós, non había medios. No concello hai moitas aldeas que quedaron sen pastos e sen a forraxe que tiñan almacenada para o inverno. E sabemos que estamos en alta montaña e que aquí o inverno é duro", narrou Lucía Martínez, gandeira de Bozqueimado.
Lucía, da aldea de Bozqueimado, deixa esta parcela para que todos os gandeiros que poidan cedan herba aos que quedaron sen nada co que poder alimentar as súas vacas. Hoxe chegaba Moisés un camión de pacas desde Maceda, na veciña serra de San Mamede, onde tamén golpeou o lume. Hai persoas con rabaños enteiros perdidos.
"Moitos veciños bótache unha man e danche herba para ir aguantado, pero claro, eles memos necesítana. Realmente había moito monte. Porque os gandeiros imos facendo cortas e rozando, pero claro, non da a vida para tanto, para rozar toda unha serra. Isto está despoboado, máis ca despoboado·", declarou Juan Manuel Rodríguez
"Pretendemos organizarnos para repartir equitativamente, segundo os danos que se tivesen facer un repartimento proporcional", dixo Lucía Martínez.
Na mesma serra onde a Estación Invernal de Manzaneda avalía que o lume puido afectar a metade da masa forestal, e onde co esforzo de todos lograron salvar as instalacións. A Garda Civil de Montaña, do destacamento de Trives, lograba rescatar un home en Vilariño que no medio da desesperación, tentaba facer unha devesa.