Extinguidos os incendios de Ponteareas Carballo: suman case 950 hectáreas calcinadas
O de Ponteareas queimou 750 hectáreas, e o da Laracha e Carballo arrasou 190
O incendio de Carballo motivara o desaloxo de forma preventiva dos veciños de cinco casas de Caión, aínda que non foi necesario activar a situación 2 por parte da Consellería do Medio Rural
O incendio forestal que permanecía activo en Ponteareas desde este luns, e que se estendeu polos concellos de Pazos de Borbén e Mos, foi xa extinguido as 17,46 logo de calcinar unhas 750 hectáreas, segundo as estimacións da Consellería de Medio Rural.
Estaba activo desde as 14:47 horas deste luns, cando se rexistraron varios focos, polo que as primeiras hipóteses apuntan á intencionalidade, aínda que será a investigación a que confirme este extremo.
Para a súa extinción, o departamento autonómico mobilizou a seis técnicos, 18 axentes, 26 brigadas, 16 motobombas, dúas pas, unha unidade técnica de apoio, cinco helicópteros e seis avións.
Neste incendio, a Consellería do Medio Rural decretara a Situación 2 pola súa proximidade ao núcleo de Galleiro, no municipio de Pazos de Borbén, que xa foi desactivada esta medianoite.
Extinguido tamén o incendio de Carballo
Así mesmo, a Xunta deu por extinguido na tarde deste martes o incendio que afectou as localidades de Carballo, parroquia de Noicela, e da Laracha, en Caión, que se uniron deixando 190 hectáreas queimadas.
Este incendio motivara o desaloxo de forma preventiva dos veciños de cinco casas de Caión, aínda que non foi necesario activar a situación 2 por parte da Consellería do Medio Rural.
Na súa extinción, mobilizáronse catro técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, unha pa, tres unidades técnicas de apoio, tres helicópteros e catro avións.
As primeiras hipóteses apuntan a que o incendio rexistrado en Noicela puido ter a súa orixe nunha queima agrícola. Nestes momentos, están prohibidas ata novo aviso as queimas de restos forestais debido ás condicións meteorolóxicas.