O Pleno de Vigo dá luz verde á taxa turística e á implantación de Zonas de Baixas Emisións
As dúas cuestións aprobáronse co voto a favor do grupo socialista e o posicionamento en contra do PP e do BNG
A taxa, que entra en vigor en outubro deste ano, oscilará entre os 0,80 euros dos apartamentos turísticos e os 2 euros dos hoteis de 5 estrelas
Haberá exencións por motivos de saúde, tamén para os menores de idade e para persoas con discapacidade igual ou superior ao 65 %
Implántase catro Zonas de Baixas Emisións: centro, praza de Portugal, O Calvario e Bouzas
Marta Vázquez Rodríguez/Europa Press
O Pleno do Concello de Vigo aprobou de forma definitiva este luns a ordenanza da nova taxa turística, e a que regulará a implantación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) na cidade, en ambos os casos cos votos favorables do grupo socialista e co rexeitamento de PP e BNG.
A taxa turística oscilará entre os 0,80 euros e os 2 euros
Así, con respecto á taxa turística, a ordenanza establece que, para os hoteis de 5 estrelas (normais e superior) e os de 4 estrelas superior, a taxa será de 1,82 euros máis IVE (2 euros); para o resto de hoteis de 4 estrelas e 3 estrelas, será de 1,46 euros máis IVE (1,60 euros); para o resto de hoteis e pensións a taxa será 1,09 euros máis IVE (1,20 euros); para vivendas de uso turístico será de 1,46 euros máis IVE (1,60 euros); para albergues, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamento e vivendas turísticas será 0,73 euros máis IVE (0,80 euros).
Igualmente, establécese unha taxa turística de 1,20 euros para estancias en embarcacións de cruceiros turísticos.
Supostos de "recarga cero" e exencións
En todo caso, a ordenanza contempla supostos de "recarga cero" e exencións. Así, desde a súa entrada en vigor, prevista para outubro deste ano, ata o 1 de xullo de 2027, haberá un recarga cero para a terceira, cuarta e quinta pernoita e, a partir de entón, computarase un máximo de cinco pernoitas por cada estancia
Igualmente, a taxa non se aplicará para os cruceiristas ata o 1 de xullo de 2027.
Por outra banda, non estarán suxeitas á taxa as estancias por motivos de saúde (para a persoa e os seus acompañantes), as estancias de deportistas federados pola concorrencia a competicións, as estancias realizadas por causa de forza maior (derivadas de aloxamentos xestionados a través dos servizos sociais municipais).
Ademais, quedan exentos da taxa os menores de idade, persoas con discapacidade igual ou superior ao 65 %, estancias subvencionadas por programas sociais dunha administración pública, estancias nos albergues públicos xestionados pola Xunta a través do Plan Xacobeo e estancias en albergues xuvenís.
Zonas de Baixas Emisións
Con respecto ás ZBE, serán catro: Zona Centro, Zona Praza Portugal, Zona Bouzas e Zona Calvario.
O acceso a esas zonas quedará prohibido aos vehículos máis contaminantes, aínda que haberá excepcións porque poderán acceder os vehículos empadroados ou de persoas empadroadas nelas, así como coches de empresas ou autónomos que operen alí.
Tamén vehículos de servizos públicos como Policía, Bombeiros ou ambulancias, así como motos ou ciclomotores, pero neste último caso entre as 7:00 e as 22:00 horas.
Ademáis poderán circular os vehículos de mobilidade privados, como patinetes, e taxis, autobuses que dean servizo nesa zona, empresas de transporte ou coches de persoas que dispoñan dunha praza, entre outras excepcións.
Non se imporán sancións, segundo o goberno municipal
A posta en marcha levarase a cabo en varias fases. Na primeira, que comezará coa entrada en vigor da norma, polas Zonas de Baixas Emisións xa non poderán circular coches sen distintivo ambiental. Na segunda fase, quedarán tamén excluídos os de etiqueta B. Na última fase, tampouco os etiqueta C poderán acceder.
O Goberno local defendeu que non se imporán sancións, senón que se informará os condutores da nova norma.
No entanto, os grupos da oposición acusaron os socialistas de mentir, porque a ordenanza si recolle multas de 200 euros para os condutores que accedan a esas ZBE sen cumpriren os requisitos.