A Xunta activa unha campaña de seguridade para os peregrinos no Camiño
'A seguridade marca o Camiño' contempla a distribución de máis de 7.600 materiais informativos
Os camiñantes terán acceso mediante códigos QR a unha páxina web que recompila teléfonos de emerxencia
O Goberno galego avanza que en marzo de 2027 estará terminado o plan de actuación para "sacar das estradas" os tramos que aínda comparten trazado
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña informativa 'A seguridade marca o Camiño', unha iniciativa destinada a reforzar a protección e a atención aos peregrinos mediante o acceso rápido a teléfonos de emerxencia e recursos especializados ao longo das rutas xacobeas.
A presentación tivo lugar este luns no Centro de Interpretación do Camino Primitivo, en Lugo, coa participación do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; o director xeneral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; o inspector xefe da Policía Autonómica en Lugo, Moisés Muñiz; e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias.
A iniciativa contempla a distribución de máis de 7.600 carteis, adhesivos e cartóns informativos en galego, castelán e inglés, con acceso mediante códigos QR a unha páxina web que recompila teléfonos de emerxencia, Guardia Civil, Policía, servizos de atención á muller e outros recursos de asistencia especializada.
O material repartirase principalmente na rede pública de albergues do Xacobeo, especialmente nos puntos de entrada a Galicia dos distintas rutas, así como en establecementos privados de acollida a peregrinos.
Durante o acto, Xosé Merelles destacou que o obxectivo é achegar "toda a rede de protección e asistencia directamente ás mans e aos móbiles dos peregrinos", reforzando a coordinación entre Policía Autonómica, Policía Nacional, Guardia Civil e corpos locais para manter o Camiño de Santiago como "un espazo seguro e protexido".
A iniciativa enmárcase no Plan director dos Camiños de Santiago 2025-2027, dotado con máis de 140 millóns de euros, e forma parte da estratexia de preparación do Xacobeo 2027, unha cita para a que a Xunta prevé a chegada de millóns de peregrinos procedentes de todo o mundo.
Desde o Goberno galego subliñan que a seguridade será un dos piares fundamentais do próximo Ano Santo, xunto coa acollida e a calidade dos servizos ofrecidos a quen percorre as rutas xacobeas.
A posta en marcha desta campaña coincide ademais cun momento de crecemento da peregrinación. No que vai de 2026, xa se entregaron máis de 134.000 compostelas, o que supón un incremento do 3 % respecto ao mesmo período do ano pasado, cun predominio de visitantes internacionais, que representan preto do 69 % do total.
Plan para sacar as estradas do Camiño
Merelles tamén avanzou que está en marcha o plan de seguridade que consiste en actuar ao longo de 150 quilómetros do Camino de Santiago, concretamente en 80 municipios, para "sacar os tramos do Camino que aínda quedan en común das estradas". Trátase dun plan que esperan ter acabado en marzo de 2027 e que contempla varias expropiacións a particulares.
"Iso permitiranos manter esa seguridade que ten o Camiño e fai que a experiencia do peregrino sexa máis satisfactoria", sinalou o director xeral.
Ademais, durante o verán renovarase o convenio con Cruz Vermella para atender as incidencias en materia de saúde que se poidan producir, como feridas e torceduras, que son as máis habituais.