Un barrio sobre rodas durante o San Froilán
A vida en caravana é o fogar temporal de traballadores e responsables das atraccións e postos de feira
Nelas fan vida normal á espera de regresar aos seus fogares nuns días, ao rematar a tempada de festas
Cando se apagan as luces e a música do feiral de San Froilán, na zona norte da cidade emerxe un barrio autónomo sobre rodas.
"Unha vez que baixamos a reixa do negocio, imos á nosa caravana e a esperar ao día seguinte", explica Víctor Camarero, responsable do Scalextric Camarero. Unha realidade que pode pasar desapercibia para moita xente, pero onde fan vida normal "non é diferente á do resto", agás "porque en lugar de vivir nunha casa vivimos nunha caravana".
No barrio de Garabolos instálanse durante as festas as caravanas e tráileres
Para José Antonio Fernández, do Tren Popof, tamén o seu día a día é "moi normal, moi cotiá". Se non hai nada que revisar ou arranxar algo na barraca, aproveita para descansar na caravana, facer a comida e volver despois traballar ao recinto feiral.
Coincide Aitana García, do posto de Pesca de patiños Darío JR. Ela prefire a comodidade dun fogar pero mentres están de feira tratan de facer vida normal na caravana.
Mariano Gallego, do Bingo Gallego conta con dous tráilers, un para el e outro para os empregados. Son case 50 metros cadrados con todas as comodidades polo que "é como ir na túa casa".
"Ao final botamos aquí case un mes, como veciños de Lugo"
Ao final son moitos días os que pasan en Lugo. Case un mes dende a montanxe das atraccións, que empezaron a funcionar o pasado 26 de setembro, ata que acaben as festas, o día 13, e terán dous días para recoller .
Nun días durmirán nos seus fogares. A gran maioría remata a tempada de feiras co San Froilán.