Sanmartín repite como candidata do BNG en 2027 en Santiago "co aval destes 3 anos"
A candidata nacionalista di que se presenta con "resultados visibles e palpables"
A asemblea local do Bloque en Santiago ratificou "por unanimidade" a candidatura de Sanmartín
A portavoz nacional Ana Pontón asegura que a alcaldesa "fixo historia"
Ana Pontón e Goretti Sanmartín. BNG.
A asemblea local do BNG en Santiago ratificou "por unanimidade" a Goretti Sanmartín, actual rexedora da cidade, para repetir como candidata á alcaldía nas próximas eleccións municipais de 2027.
"Preséntome como candidata co aval destes tres anos de traballo e co aval do desexo de ter retos que cumprir por diante", comprometeu.
A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e a propia Sanmartín compareceron este venres ante os medios para presentar a súa candidatura, coa que a nacionalista optará a volver liderar o goberno local, que actualmente está conformado por seis concelleiros do BNG e dous de Compostela Aberta (CA).
Pontón lembrou que, tres anos atrás, "tiña moi claro" que Sanmartín faría "historia" e converteríase na primeira alcaldesa que tivo a cidade.
"Hoxe, teño igual de claro que Goretti Sanmartín vai recibir o apoio maioritario dos veciños para continuar construíndo un Santiago en grande", manifestou a portavoz nacional do BNG.
Aos ollos da líder do Bloque, ese "apoio maioritario" é o que "necesita" a capital galega para "seguir avanzando".
Esta mensaxe encaixa coa vontade de Sanmartín, que manifestou dar este novo paso "con ganas" e insistiu na súa aposta por proxectos "a medio e longo prazo" e cociñados "a lume lento".
"Desde o Bloque sempre apostamos polas políticas transformadoras, non pola política cosmética e de emerxencias", apuntou. Neste sentido, considera que ela e o seu equipo avanzaron "no bo camiño" e con "resultados visibles e palpables".
Entre as políticas impulsadas, mencionou a implantación do imposto de estadías turísticas (a chamada taxa turística); o novo contrato de transporte urbano, "a piques de ser adxudicado" e que marcará "un antes e un despois", e o traballo "rigoroso" realizado no plan para desbloquear a parcela do antigo colexio Peleteiro.
Pontón asegura que Goretti "fixo máis en tres anos que o Goberno de Rueda en 17"
De igual forma, Pontón chamou a atención sobre as medidas impulsadas no ámbito da vivenda: "Fixo máis en tres anos que o Goberno de Rueda en 17". Entre elas, nomeou aquelas destinadas a "controlar" as vivendas de uso turístico (VUT) e a declaración de zona tensionada, que sacou adiante "a pesar de que os concellos teñen competencias moi limitadas" nesta materia, nas súas palabras.
"Temos que traballar para que os cambios poidan asentarse", pediu Sanmartín.
Así, asegurou que, de revalidar a alcaldía, o seguinte mandato servirá para "fortalecer os sectores que garanten a diversidade económica ou as infraestruturas e conexións necesarias", entre outros. Tamén cre que "ten que ser o que garanta a sustentabilidade" no referente á xestión da auga ou dos residuos.
Críticas á oposición do PP
Por todo iso, Pontón perfilou a Sanmartín como unha alcaldesa "coas ideas claras" e contrapúxoa a unha oposición, liderada polo PP (con 11 concelleiros), que, ao seu entender, é "anti Santiago" e que "actúa como o auténtico inimigo de Compostela".
"Estou convencida de que Goretti Sanmartín vai recibir o apoio maioritario dos veciños e veciñas e, con ese apoio, poñeremos poñerlle o turbo ao proxecto de progreso do BNG para esta cidade fronte a unha oposición destrutiva que está empeñada en que Santiago fracase", expuxo.