Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP e o BNG de Vigo piden un pleno extraordinario tras a imputación da edil de Seguridade

O PP e o BNG de Vigo piden un pleno extraordinario tras a imputación da edil de Seguridade

Patricia Rodríguez está sendo investigada por homicidio imprudente polo accidente mortal do Saltamontes de 2024

Arquivo Arquivo
G24.gal 22/05/2026 10:38

O PP e o BNG piden a convocatoria dun pleno extraordinario tras a imputación por homicidio imprudente da concelleira de Seguridade, Festas e Contratación, Patricia Rodríguez, polo accidente mortal do Saltamontes en agosto de 2024.

Así o anunciaron ambas as formacións este venres tras alcanzar un acordo para rexistrar a convocatoria e "forzar o Goberno local a que dea a cara".

"É inaceptable que unha persoa imputada por delitos tan graves permaneza no cargo", asegura o PP

A portavoz popular en Vigo, Luisa Sánchez, afirma que con este pleno obrigan ao equipo de Gobierno que encabeza Abel Caballero "a saír do agocho no que leva desde que o xuíz, cun auto durísimo, imputou a unha das concelleiras de maior confianza".

Considera "inaceptable que unha persoa imputada por delitos tan graves permaneza a cargo da seguridade" da cidade e siga "asinando permisos e expedientes" sobre esa materia.

"Do que se trata é de que o alcalde dea a cara", di o BNG

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, critica que desde que o pasado 7 de maio en que se coñeceu a imputación da edil o alcalde "limitouse a ratificar a súa confianza nela e mantela no cargo".

"Do que se trata é de que o alcalde dea a cara e se someta ao control do máximo órgano de representación democrática da cidade, que é o pleno", explica Igrexas.

O acordo de PP e BNG recolle a destitución inmediata de Patricia Rodríguez; esixir ao alcalde, Abel Caballero, que dea explicacións polo accidente mortal; a creación dunha comisión de investigación, e que o conxunto da corporación, na súa totalidade, traslade á familia da vítima mortal, Iván Castaño, as súas condolencias no nome da cidade de Vigo.

A solicitude formal da sesión extraordinaria será rexistrada nas próximas horas polos grupos municipais do BNG e do PP, cuxa firma conxunta é imprescindible para activar esta convocatoria ao amparo do regulamento orgánico municipal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade