Rubén Arroxo, elixido candidato do BNG á alcaldía de Lugo
A asemblea local respaldou por maioría a única candidatura presentada
O actual portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, será o candidato dos nacionalistas á alcaldía da capital lucense nas municipais de 2027.
A súa candidatura, a única presentada, recibiu o respaldo da maioría da asemblea local, celebrada este mércores.
Arroxo agradeceu a confianza da militancia e afirmou que comeza traballar “nun novo reto”: “conseguir que en 12 meses Lugo volva ter un goberno de progreso liderado polo BNG”.
“Desde o BNG aspiramos á alcaldía, é o mellor momento da historia para facelo”, augurou o extenente de alcalde, que aproveitou para reivindicar o traballo desenvolvido polo Bloque durante os últimos sete anos no goberno municipal.
Para Arroxo, o PP foi “incapaz” de cuestionar “un só proxecto impulsado polo BNG durante estes anos”, o que mostra, na súa opinión, “a capacidade de xestión e de transformación do Bloque cando ten responsabilidades de goberno”.
Ademais, sinalou que a “inmensa maioría do traballo” realizado fixérono “escoitando os veciños” e avanzou que o BNG “seguirá estando ao seu lado desde a oposición, coa mesma responsabilidade e coa mesma vontade de mellorar Lugo”.
Mentres, o Consello Local do BNG destacou que durante os últimos anos Arroxo “soubo imprimir á acción de goberno do BNG un perfil propio”, demostrando ter un proxecto “claro e distintivo” para o concello.
“Lugo é moito mellor con goberno do BNG; Lugo é moito mellor con Rubén Arroxo á fronte do noso proxecto. Un Rubén cargado de experiencia e ideas”, enxalzou a organización, asegurando que hoxe é “o candidato máis coñecido” froito do “contacto constante” cos veciños.