A Xunta presentará en xuño a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística
A actualización é un dos "piares fundamentais" do Pacto pola Lingua, impulsado polo Executivo galego
López Campos fixo o anuncio no Parlamento. Europa Press
A Xunta presentará o próximo mes de xuño o documento que recolle a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística, un dos "piares fundamentais" do Pacto pola Lingua, impulsado polo Executivo autonómico.
Así o anunciou este mércores o conselleiro de Cultura, en resposta a unha interpelación do grupo socialista no Pleno do Parlamento, durante a que incidiu en que, tendo como base esta nova proposta, "ábrese un novo escenario para alcanzar medidas fundamentais para a lingua".
Así, o representante do Goberno galego lembrou que "desde o principio" a Xunta "tivo a man tendida á participación neste proceso polo ben do galego", no que se involucrou "sempre aos grupos parlamentarios que así o quixeron".
Neste sentido, destacou que a renovación do plan é resultado do traballo de 11 comisións de expertos en diversas materias que durante os pasados meses realizaron máis 400 contactos e recolleron 1.400 propostas, incluídas as achegas da sociedade a través dunha caixa de correos virtual.
Ademais, durante a intervención, López Campos fixo fincapé noutras medidas desenvolvidas a favor da lingua mentres se estivo traballando paralelamente na actualización do Plan de Normalización, "para fomentar e prestixiar o idioma en moi diversos campos e sectores profesionais".
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou ao conselleiro de Cultura de paralizar os traballos do Pacto pola Lingua, xa que "dous anos despois non temos nada" e reclamou que se "reactiven" as comisións constituídas.
"Non se trata dunha cuestión de pancarta, teñen profesionais dabondo neste país, teñen técnicos dabondo, o que non teñen dabondo é orzamento e plans que sexan viables e dean resultado", dixo Longueira.
Ademais, defendeu o papel que no seu día tivo en materia de lingua o Goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño.