Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón considera "moi grave" a imputación de Zapatero: "É importante que se chegue ata o final"

Pontón considera "moi grave" a imputación de Zapatero: "É importante que se chegue ata o final"

A voceira nacional do BNG confía en que se depuren todas as responsabilidades

Pontón non aclara se condicionará o apoio do seu grupo ao PSOE no Congreso e matiza: "Nos non temos un acordo de lexislatura, temos un acordo de investidura"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, este xoves nunha entrevista no 'Bos días' da TVG
G24.gal 21/05/2026 10:14

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, considera de "moita gravidade" a imputación do expresidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, e confía en que a xustiza "vaia ata o final" e se depuren todas as responsabilidades. Nunha entrevista no Bos días da TVG, Pontón reafirmou a súa postura de "tolerancia cero" ante os casos de corrupción, e lembra que a súa formación non ten ningún condenado por esta causa en 40 anos de vida.

A líder da oposición asegura que "o tempo dirá" se este é ou non un caso de lowfare, pero salienta a "dobre vara de medir" da xustiza.

"O que sorprende é que outros expresidentes non foran investigados", explica. "É curioso que nunca se investigara a M. Rajoy a pesar de aparecer como beneficiario de cobrar sobres en B da trama Gürtel".

Para a formación frontista, a falta de investigación a figuras que van desde o "Señor X" ata Mariano Rajoy, xunto ás investigacións en curso a exministros como Cristóbal Montoro delata unha "corrupción sistémica" do bipartidismo estatal. "Leccións de corrupción do PP ao BNG ningunha", afirma, "é o PP que ten un máster en corrupción".

"Nos non temos un acordo de lexislatura, temos un acordo de investidura"

Pontón non aclara se a imputación de Zapatero condicionará o apoio parlamenario da súa organización ao Goberno. Matiza, en todo caso, que o BNG non ten asinado un acordo de lexislatura co PSOE, senón un acordo de investidura puntual que está sendo beneficioso para Galicia; e que o obxectivo do seu grupo non é apoiar o Goberno central en Madrid, senón "defender os intereses dos galegos".

Preguntada pola proposta de Gabriel Rufián de articular un grupo de esquerdas conxunto de cara ás eleccións xerais de 2027, a portavoz do BNG descartou de forma implícita a iniciativa. Aínda que recoñece manter unha boa relación co voceiro de Esquerra Republicana, lembrou que en Galicia o BNG xa representa esa alternativa de "fronte ampla" que recolle diferentes sensibilidades.

De cara ás próximas eleccións xerais, o obxectivo da organización frontista, afirma, é aumentar a súa representación para "frear a dereita e a extrema dereita".

As aspiracións do BNG de cara as municipais

Ante as municipais de maio de 2027, o BNG márcase o reto de obter "o mellor resultado posible", e sumar máis alcaldías, máis concelleiros e máis apoios. Segundo Pontón, a formación xa ten elixidas case a totalidade das cabeceiras das grandes cidades galegas. Prevé completar o ciclo antes do 25 de xullo.

Respecto ao liderado da organización tras dez anos á fronte, a portavoz nacional remarca que a decisión corresponderá exclusivamente á militancia, xa que "somos unha organización democrática que non designa a dedo os seus cargos". Con todo, recoñece que a formación está "no mellor momento da historia" e que ela se atopa "con máis ganas ca nunca" para liderar o cambio de rumbo que necesita Galicia de maneira urxente.

A emerxencia lingüística

A voceira nacional do BNG asegura que a política lingüística da Xunta está provocando que o galego sexa cada vez máis residual e estanos conducindo cara a "aniquilación" do idioma.

Asegura que o decreto imposto polo PP sitúa a lingua en "situación de emerxencia", e esíxelle ao Executivo autonómico que cumpra co Plan de Normalización Lingüística consensuado por todos os grupos no Parlamento en 2004.

O  "espolio" enerxético e a deterioración dos servizos públicos

A voceira do Bloque Nacionalista Galego acusa o PP de "vender o noso país a prezo de saldo ás grandes multinacionais" e critica a negativa da Xunta a crear unha empresa pública de enerxía ou abaratar a tarifa eléctrica.

Así mesmo, expresa a súa "sorpresa" ante a decisión do Goberno galego de reabrir proxectos mineiros previamente desbotados pola súa grave afectación ambiental.

No ámbito social, o BNG urxiu a reforzar a sanidade pública tras 17 anos de recortes do PP en beneficio da privada e reclama unha solución real ao problema de acceso á vivenda fronte a "propaganda" da Xunta de Galicia.

Solidariedade coa Flotilla detida en Israel

Ao peche da súa intervención, Pontón quixo manifestar publicamente a súa total solidariedade coas persoas que están "detidas ilegalmente en Israel" e cualifica as accións do Goberno israelí cos membros da flotilla humanitaria como un "xenocidio".

A líder da formación nacionalista considera de "vergoña" que o Partido Popular se negara a realizar unha declaración institucional de condena no Parlamento galego ante esta detención ilegal. Segundo dixo, esta postura "non representa á maioría da sociedade galega".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade