Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta creará unha unidade de 50 técnicos para descargar de burocracia os médicos de primaria

A Xunta creará unha unidade de 50 técnicos para descargar de burocracia os médicos de primaria

O grupo encargarase de tramitar receitas, solicitar ortopedias, facer informes de saúde ou pedir ambulancias non urxentes

Na sesión de control ao Goberno no Parlamento, a voceira do BNG advertiu da "situación crítica e insostible" dos servizos de atención primaria segundo un informe do Consello de Contas

Besteiro di que o PP incumpre os seus estatutos coa moción de Lugo e Rueda acúsao de "matonismo"

O presidente da Xunta, este martes na sesión de control no Parlamento de Galicia (EFE/Lavandeira Jr)
G24.gal 05/05/2026 08:15 Última actualización 05/05/2026 13:57

A Xunta vai crear unha unidade central de cincuenta técnicos cualificados para descargar de tarefas burocráticas os médicos de atención primaria, dentro do plan de choque para reformar este nivel asistencial que prevé ter listo este primeiro semestre do ano.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este martes en resposta a unha pregunta da líder da oposición, Ana Pontón, na sesión plenaria do Parlamento de Galicia de control ao Goberno e sinalou que o plan está aberto a "todos aqueles que queren negociar", mentres que o BNG segue no "non polo non" e cunha "visión catrastrofista" da sanidade pública.

Pontón advertiu da "situación crítica e insostible" dos servizos de atención primaria con base nun recente informe do Consello de Contas, que reflicte que Galicia é "a segunda comunidade pola cola" en investimento neste nivel asistencial, un 12 %, algo que atribuíu á "demolición da sanidade pública" que deixan 17 anos do gobernos do PPdeGalicia.

Pero Rueda acusou a portavoz nacional do BNG de "estar aí sentada e non tocar a rúa máis que para facer manifestacións" e "manipular" os datos mentres que rexeita calquera proposta da Xunta para mellorar a sanidade, de xeito que "se hai un problema, pareza unha catástrofe e se hai solucións, opoñerse".

A unidade de profesionais para descargar o labor administrativo os médicos, que Rueda destacou como unha das medidas para os servizos de Atención Primaria, encargarase de labores como tramitar receitas, solicitar ortopedias, facer informes de saúde ou pedir ambulancias non urxentes, especificaron posteriormente fontes da Xunta.

Trátase de que os médicos "teñan máis tempo para atender mellor os seus pacientes", explicou Rueda, xa que actualmente a burocracia supón de 30 % a 40 % do horario dos facultativos dos servizos de Atención Primaria. 

Pontón advirte dunha "Galicia de dúas velocidades"

A portavoz nacional do BNG denunciou un "recortazo" do PP na Atención Primaria de 1.650 millóns de euros e as "graves desigualdades" que isto xera, xa que hai 120 municipios sen pediatra ou 90 que o teñen só unhas horas ao día, polo que se creou unha "Galicia de dúas velocidades" en materia sanitaria, con cidadáns "de primeira e de segunda".

Para Rueda isto é "manipular" ou "coller só os datos que lle interesan" a Pontón, que contrastou con outros propios, como que a porcentaxe de gasto en Atención Primaria este ano está no 31,6 % e a contratación de 163 novas prazas para primaria.

Ademais, volveu atribuír a responsabilidade da falta de médicos ao Goberno central, así como polas folgas de facultativos contra o estatuto marco que levaron a paralizar "miles de actos médicos" en Galicia.

Mentres o BNG mantén a súa "mansedume", dixo Rueda, para non molestar os seus socios en Madrid, "os seus cómplices, os de Soto del Real", aos que Pontón aludira para referirse aos políticos do PP encarcerados por corrupción.

Besteiro di que o PP incumpre os seus estatutos coa moción de Lugo e Rueda acúsao de "matonismo"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, advertiu o presidente da Xunta e do PPdeGalicia, Alfonso Rueda, que está a incumprir os estatutos do seu partido ao valerse dunha tránsfuga para a moción de censura en Lugo, polo que o instou a "abrir expediente por estas graves infraccións".

Na sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, Rueda replicoulle acusándoo de "hipocrisía" e "matonismo" porque asegurou que as "mesmas razóns" que agora usa para invalidar a moción en Lugo foron as que validaron a presentada polo PSdeG en Noia.

Fronte á moción de Lugo, coa que o PPdeG quere facerse coa Alcaldía na que gobernaron 27 anos os socialistas, están "a intentar de todo", criticou Rueda, "a crispación, a ameazas e intentar meter medo" e agora apelan aos estatutos do PP "como último recurso".

"Prefiro os estatutos do meu partido, que os estatutos dun partido como o seu, que tivo dous secretarios xerais no cárcere e roubaban mentres presumían de estatutos", asegurou Rueda, quen reprochou as cousas "intolerables" que dixeron os socialistas estes días sobre a moción e que mesmo intentaron meterlle presión á edil tránsfuga "ofrecéndolle de todo".

Besteiro puxo este caso de Lugo como "proba" de que a única prioridade do PP é "primeiro vostedes e despois o resto", no que cualificou de "prioridade popular" en comparanza coa "prioridade nacional" que defende Vox.

"Concelleira profundamente deshonesta"

E lamentou que en Lugo "tiveron a sorte de atoparse cunha concelleira profundamente deshonesta", en referencia a María Reigosa, exedil socialista en que se apoia o PP para a moción de censura, polo que considerou que Rueda é alguén "que castiga, que manipula e que compra poder", en lugar de actuar como presidente.

Neste sentido, argumentou que nin é capaz de cumprir os propios estatutos do seu partido, que no artigo 14 di que cometen infracción "moi grave" aqueles que "pertencendo a un grupo institucional do partido utilicen ou se vallan de tránsfugas doutros partidos para constituír ou cambiar maiorías de goberno nas institucións públicas".

Así que lle preguntou a Rueda se vai abrir expediente por esta grave infracción en Lugo ou, pola contra, "os seus principios non valen para nada e van directamente ao lixo".

Para o presidente galego e líder do PPdeGalicia Besteiro dedícase a "buscar culpables fose" cando están no seu propio partido e o que lle pasa é que "teñen medo de chupar a rifa de Ferraz e de que os galegos se dean conta de que nun ano se pode recuperar o tempo perdido en Lugo", que é queda ata as municipais.

Por iso, apuntou que igual o problema é o propio Besteiro e a súa xestión como líder do PSdeG, dado os problemas que tivo na Deputación de Lugo e en Santiago de Compostela, e augurou que "con esa actitude de incoherencia e desesperación van directamente á descomposición en Galicia".

Pontón apunta a "corrupción política"

Neste enfrontamento tamén interveu a líder do BNG, Ana Pontón, quen, na súa posterior pregunta a Rueda, indicoulle que non está para falar de corrupción tendo "cheo Soto del Real" con representantes do seu partido e reprochoulle promover "mocións indecentes como a de Lugo" para conseguir o poder municipal.

Con esta actitude, demostra que "non ten principios nin lle importa Lugo", afirmou Pontón, que atribuíu a Rueda o uso de recursos públicos para conseguir apoio para a moción de censura, o que "é corrupción política", así que "non sei se acabará en Soto del Real, pero desde o punto de vista político é impresentable", concluíu".

Este debate no pleno tivo lugar ante a presenza de quen é a candidata do PP á Alcaldía de Lugo, a deputada Elena Candia, quen asistiu ao mesmo desde o seu posto como vicepresidenta da Mesa do Parlamento.

Un cargo que deberá abandonar xunto co seu escano se se converte en alcaldesa de Lugo no pleno municipal que debaterá a moción de censura este xoves, xa que ambos os dous postos son incompatibles. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade