Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA ameazan con sancións aos países que teñan lazos económicos con Irán, incluída a China

Os EUA ameazan con sancións aos países que teñan lazos económicos con Irán, incluída a China

O secretario do Tesouro anunciou o lanzamento da operación Paria Económico para bloquear fontes de ingresos da República Islámica

Teherán responde que considerará como "inimigo" aos países que se unan a esta "guerra económica" dos Estados Unidos

O secretario do Tesouro, Scott Bessent, na conferencia de prensa en que anunciou as sancións. Reuters O secretario do Tesouro, Scott Bessent, na conferencia de prensa en que anunciou as sancións. Reuters
G24.gal 24/08/2026 19:59 Última actualización 24/08/2026 20:43

O secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Scott Bessent, anunciou este luns o inicio da operación Paria Económico para cortar "todas as opcións económicas" de Irán co obxectivo de elevar a presión con sancións contra a República Islámica a case seis meses desde o inicio da guerra.

"O Departamento do Tesouro identificou todos os nodos, facilitadores e redes que Irán utilizou para o contrabando de petróleo e eludir sancións", dixo Bessent nunha conferencia de prensa, na que reiterou que "ninguén está exento" de ser obxectivo de sancións indirectas por negociar co réxime iraniano.

Bessent fixo está reiteración tras ser consultado por sancións sobre a China, que se sitúa como un dos principais socios comerciais de Irán. O alto funcionario aclarou que estas "sancións sectoriais" apuntarán a "cinco das vías vitais que Irán explota noutros países: activos dixitais, tecnoloxía, ouro, aviación e transporte marítimo".

"Estas medidas amplían o risco de sancións secundarias para calquera que sexa o suficientemente insensato como para seguir facendo negocios con este réxime, e acelerarán a rapidez coa que actuaremos contra eles", alertou.

Bessent adiantou que funcionarios do Tesouro, o Departamento de Estado e as Forzas Armadas "están a reunirse agora cos seus homólogos internacionais para transmitirlles que os EUA esperan accións concretas", aínda que non detallou que nacións foron advertidas nin precisou un calendario para aplicar estas sancións.

"Cada país ten un prazo definido para poñer fin ás actividades que identificamos. Se non actúan, nós farémolo unilateralmente", indicou Bessent, que xa anunciara que este luns sería o "Día D económico" na guerra contra Irán.

A nova operación económica de Washington para afogar a xa maltreita economía iraniana, moi dependente do petróleo, ten lugar a case seis meses da guerra lanzada polos Estados Unidos e Israel contra a República Islámica e no medio dunhas conversacións de paz estancadas, sen visos dun acordo de paz definitivo.

A Mariña estadounidense tamén mantén un bloqueo naval ás costas e portos iranianos para evitar a entrada e saída de buques, o que agravou a situación económica na nación persa, que ao comezo do conflito interrompeu o tráfico polo estratéxico estreito de Ormuz, afectando a subministración de cru mundial.

Pola súa banda, Irán respondeu que non permitirá que Washington dite os termos do fin da guerra e reiterou as súas advertencias a outros países para que non participen na nova campaña económica estadounidense na súa contra. Avisou ademais que considerará como "inimigo" aos países que se unan á "guerra económica" dos Estados Unidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade