Queixas polo incremento dalgunhas tarifas nas residencias da Deputación de Lugo
A institución provincial defende que a medida é progresiva
Familiares e usuarios das residencias da Deputación de Lugo denuncian unha suba dos prezos. A deputación defende que a medida é progresiva.
Na mensualidade do mes de xullo usuarios e familiares das residencias de maiores que dependen da Deputación de Lugo atopáronse cunha desagradable sorpresa. Un incremento da cota mensual que, nalgúns casos, chega ao 60 %.
O prezo de referencia, antes de que se apliquen as reducións segundo o nivel de renda, pasou de 1.080 euros a 1.750 ao mes. No caso das persoas dependentes, a suba é dos 1.390 euros mensuais aos 2.200. Os afectados pola suba das tarifas quéixanse, ademais, de como os avisaron dos cambios nos prezos que o Goberno provincial, formado polo PSOE e o BNG, sacou adiante no pleno do pasado mes de marzo.
O deputado provincial de Promoción Económica e Social, o socialista Pablo Rivera, defende a progresividade da medida, e desde o PP lugués critican a decisión e lembran que as cotas que pagan os residentes dos centros da Xunta de Galicia levan anos conxeladas.