Publicador de contidos

Publicador de contidos

A denunciante de Tomé ratifícase nas súas acusacións e fala doutras "posibles vítimas"

A denunciante de Tomé ratifícase nas súas acusacións e fala doutras "posibles vítimas"

A muller prestou declaración por vez primeira nos xulgados

Segundo a denunciante, o alcalde de Monforte, que sempre negou as acusacións, fíxolle unha proposta sexual a cambio dun posto de traballo

Para a Fiscalía de Lugo, os feitos poderían ser constitutivos dun delito de acoso sexual ou de abuso no exercicio da función pública

A denunciante entrando no edificio xudicial.  EFE/ Eliseo Trigo A denunciante entrando no edificio xudicial. EFE/ Eliseo Trigo
G24.gal 20/05/2026 11:22

A muller que denunciou o alcalde de Monforte e expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé, o pasado mes de decembro por acoso sexual, declarou este mércores por primeira vez no Xulgado de Instrución praza número 3 de Lugo.

A denunciante ratificouse nas súas declaracións e o seu avogado avanzou a existencia de "posibles novas denuncias".

Nesta primeira sesión declararon ademáis da muller, a súa nai e unha terceira testemuña, unha nova amiga da vítima e testemuña dos feitos.

Á saída da sala de vistas, o seu avogado, Luis Pena, explicou que esta se ratificou nas súas acusacións, centradas principalmente en recibir ofertas laborais a cambio de favores sexuais.

Pena tamén asegurou que a "relevancia que está a coller este caso fixo posible que saíse á palestra a existencia de máis posibles vítimas", aínda que non está confirmado que existan máis denuncias e tampouco se sabe se estas serán chamadas a declarar.

"Dependerá do que decida a xuíza", engadiu.

A defensa asegura que se demostrou que os dirixentes do PSdeG coñecían os feitos  

O avogado tamén explicou que durante a declaración quedou ratificado, "alén dos feitos", que os dirixentes do Partido Socialista a nivel galego "tiñan coñecemento" do asunto e que a canle de denuncias internas do PSOE "non está a funcionar como debería".

Durante as tomas de declaración estiveron presentes os avogados de José Tomé, que se negaron a facer declaracións mentres o caso estea na fase de instrución.

Tras esta primeira sesión, a xuíza terá que determinar agora se ve indicios de delito para abrir un proceso contra o alcalde de Monforte. Do mesmo xeito, queda por saber se serán chamadas a declarar tamén outras mozas e se o fará o propio Tomé.

O suposto acoso sexual fíxose público nun programa de televisión 

Os feitos saltaron á luz en decembro do pasado ano nun programa de televisión, no que se acusaba ao entón presidente do PSOE provincial e da Deputación de abuso sexual.

Ademais, culpábase aos dirixentes do partido, entre eles ao secretario xeral en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e a portavoz provincial e alcaldesa de Antas, Pilar García Porto, de coñecer os feitos e non actuar.

A nai da denunciante, que traballaba para o partido e que agora está de baixa, insistira en que non tivera o apoio do PSOE ata que se fixo público nos medios de comunicación.

Ao día seguinte, José Tomé acabou notificando a súa renuncia a todos os cargos, menos ao de alcalde de Monforte, onde continúa como non adscrito -co apoio dos edís do PSOE-, aínda que negou categoricamente as acusacións e mostrouse vítima dunha "persecución política".

A denunciante di que sofre desprotección desde que se fixo público o caso 

A muller denunciou en televisión a desprotección que asegura sufrir tras facerse público o caso, así como tamén o odio recibido desde entón.

Segundo a explicación que transcendeu, quedou con Tomé e ese encontro derivou nun diálogo sobre as oposicións que ela estaba a preparar no que habería unha proposta sexual a cambio de favorecer o seu acceso ao posto ao que optaba co aviso de que se non lle saía "dos ovos, non ía aprobar" e a resposta da moza de que non era "prostituta".

En marzo, a Fiscalía Provincial de Lugo informou da interposición dunha querela contra Tomé tras recibir unha denuncia particular por feitos presuntamente delituosos contra unha muller, que é Laura Vila, en setembro de 2025.

A Fiscalía de Lugo considera que os feitos denunciados, con carácter provisional e sen prexuízo do resultado que puidese dar a investigación penal, poderían ser constitutivos ben dun delito de acoso sexual, ou ben dun delito de abuso no exercicio da función pública.

O ministerio público, sinala un comunicado, cre que os feitos están suficientemente determinados e posúen indicios fundados de criminalidade para exercer de forma inmediata a acción penal, mediante a apertura dunhas dilixencias de investigación preprocesal e a interposición de querela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade