Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo propón un confinamento sanitario en Ceuta e o ministerio de Sanidade rexéitao

Feijóo propón un confinamento sanitario en Ceuta e o ministerio de Sanidade rexéitao

O líder do Partido Popular alude a posibles contaxios de sarna, tuberculose e gastroenterite

A titular de Sanidade, Mónica García, cualifica a proposta como "desmesurada"

Sete ministros comparecerán no Congreso para dar conta do seu papel nesta crise

G24.gal 23/08/2026 20:55

O Ministerio do Interior ten identificados uns 2.500 menores de idade en Ceuta que entraron de forma irregular e tentará negociar decontado coas comunidades autónomas a súa recolocación. Así o recoñecía este domingo nunha entrevista en El País a voceira do Goberno, Elma Saiz.

Con esta crise de fondo, sete ministros darán explicación no Congreso deste o martes ata o 31 deste mes. A primeira en acudir á cámara será a tituar de Defensa, Margarita Robles. Ademais, o PP forzará unha votación para que compareza Pedro Sánchez nun pleno extraordinario.

Outra vertente é o problema sanitario. Os colexios de médicos e de enfermería ceutís alertaron do risco de contaxios. Cos presidentes das dúas institucións entrevistouse Feijóo e fai unha proposta:

"Eu formulo que o Goberno estude moi ben a posibilidade de decretar o confinamento por razóns de saúde pública".

Os riscos aos que aluden Feijóo e os representantes sanitarios son a tuberculose, sarna e gastroenterite.

Horas despois respondía a ministra de Sanidade, Mónica García, cun longo comunicado sinalando que o confinamento sería "desmesurado" e mesmo "contraproducente"

Por certo, Sanidade convocou de urxencia as comunidades autónomas para unha xuntanza este luns co fin de enviar vacinas a Ceuta.

Cuerpo viaxa a Ceuta para abordar a situación económica e concretar medidas de apoio

Por outra banda, o vicepresidente primeiro e ministro de Economía, Carlos Cuerpo, viaxa este luns a Ceuta para abordar a situación económica e valorar medidas no marco dun plan de apoio á cidade autónoma.

Segundo sinalan a EFE fontes do Ministerio de Economía, Cuerpo reunirase pola tarde co presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas.

Tamén está previsto manter reunións de traballo con asociacións empresariais, axentes sociais e empresas.

O obxectivo, engaden as mesmas fontes, é "afondar no apoio a Ceuta, non só desde a perspectiva de humanitaria e de seguridade, senón tamén económica".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade