José Tomé anuncia que se presentará ás municipais, aínda que descoñece con que siglas
O exsocialista, investigado xudicialmente por acoso sexual, afirmou que a súa decisión responde o apoio que, segundo sostén, recibe da cidadanía
O alcalde de Monforte fixo o anunciou nun pleno da Deputación de Lugo no que defendeu a xestión realizada durante os seus mandatos a cargo do Concello
José Tome, alcalde de Monforte. TVG
O alcalde de Monforte de Lemos, o exsocialista José Tomé, anunciou este martes a súa intención de concorrer ás eleccións municipais de 2027, aínda que asegura que aínda non sabe baixo que siglas o fará.
Tome, investigado por un presunto caso de acoso sexual nun procedemento xudicial que motivou a súa saída da Presidencia da Deputación de Lugo o pasado decembro, afirmou que a súa decisión responde o apoio que, segundo sostén, recibe da cidadanía.
O ex socialista, que se apartou do partido mentres continúa o proceso xudicial, declarou durante o pleno da Deputación esta intención, mentres se debatía o proxecto do dique na cidade, que o PP vetou xunto co BNG na mesma sesión.
"Vou presentarme ás próximas eleccións municipais, non sei con que siglas", declarou o rexedor, quen defendeu a xestión realizada durante os seus mandatos a cargo do Concello.
"Goberno serio, rigoroso e que cumpre"
Tomé asegurou que Monforte conta "cun goberno serio, un goberno rigoroso e un goberno que cumpre", e engadiu que "iso o saben ben os monfortinos". Nese sentido, afirmou que os veciños "o 23 de maio saben ben o que van votar porque queren seguir progresando".
O alcalde tamén reivindicou a lexitimidade do seu goberno municipal e lembrou os resultados obtidos polo PSOE nas últimas eleccións locais.
"O 55 ou o 56% dos votos é socialista", sinalou, para soster que "a inmensa maioría dos 20.000 veciños de Monforte apoian o proxecto co que nos presentamos porque estamos a executar o que prometemos".
Convencido de que mantén o apoio maioritario da cidadanía, Tomé asegurou que "a alcaldía vai seguir sendo a mesma porque así o queren os veciños de Monforte".