Carmela López: "Son leal ao partido, ao que o partido decida e aos líderes"
A presidenta da Deputación de Lugo apoiaría a reelección de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral do PSdeG
Carmela López deixa en mans da formación o seu futuro político
Defende a suba das taxas das residencias provinciais para garantir o servizo
A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela afirma estar á disposición do partido en relación aos próximos comicios municipais e ante a posibilidade de recuncar como titular do ente provincial.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Carmela López asegurou que o que ten claro é que desexa manter o bastón de mando de Burela porque son os veciños os que elixen "porque confían no proxecto do teu equipo, nas persoas que te acompañan”.
“Esto é outra cousa. Ser presidenta da Deputación é un cargo político que se decide doutra forma, non te votan. Eu estou a disposición do partido, pelexo e loito por un proxecto pero o que podo dicir, con moitísima certeza, é que quero se alcaldesa de Burela sobre todo”.
Preguntada pola posibilidade de optar á secretaría xeral do PSdeG, Carmela López fía o seu futuro político ao que decida o partido.
“Nunca penso individualmente, penso como equipo, como proxecto, teño que estar á disposición dos meus compañeiros e compañeiras e do que, en conxunto e na casa, decidamos que é mellor facer. O que che podo dicir é que hai pezas e valores activos moi importantes no partido…. Temos que ser todos tamén humildes e saber que na política somos coma fichas e, ás veces, estamos á alza e, ás veces, á baixa”.
Ante unha posible candidatura do actual líder da formación á reelección á secretaría xeral, a presidenta da Deputación de Lugo asegura ser "leal ao partido e aos seus líderes".
“Eu son moi leal ao partido, ao que o partido decida e moi leal aos líderes. Considero, ademais, que é moi difícil ser líder, sobre todo hoxe, nesta crispación política total que hai e eu vou ser leal ao que decida o partido e ao que decida o líder”.
Carmela López dá por pechada a crise interna que a levou á presidencia da Deputación de Lugo logo de que o seu antecesor, José Tomé, dimitira tras as denuncias por presunto acoso sexual.
“Dende o principio centreime en traballar, en construír e en avanzar e non en pensar na crise que acababamos de sufrir”.
Residencias
A presidenta da Deputación de Lugo confía en que a residencia provincial da Pobra do Brollón estea aberta antes de que acabe o mandato actual e se sume ás nove que xa están operativas.
Carmela López sinalou, ademais, que están avanzando nos centros de atención a maiores da Pontenova e de Guitiriz.
“A min encantaríame chegar ás eleccións, ao final deste mandato, con algunha residencia aberta. A que máis enfocada está sería a da Pobra pero, insisto, a min non me gusta dar datas. O que me gusta é dar traballo”.
A titular do ente provincial defendeu a suba das taxas das residencias despois de oito anos conxeladas e indicou que foi necesaria para garantir o servizo. Segundo explicou, o encarecemento non afecta a todos os usuarios senón aos que máis teñen.
“Nós temos 135 millóns de euros e estamos destinando gran parte ás residencias. Nun momento no que a Xunta segue sen facer os deberes con Lugo en canto a residencias, a Deputación decide - é normal porque son os veciños os que chaman á porta e tes que axudarlles- asumir ese custo. A quen lle sobe máis é a quen máis ten. O sistema público está condicionado a iso. Non é que lle suba a todo o mundo”.
Infraestruturas
As comunicacións, xunto cos centros de atención a maiores, foron as liñas de actuación nestes oito meses de mandato e seguirán a selo de aquí a que remate a lexislatura. Así o indicou Carmela López na Radio Galega, onde afirmou que “a comunicación é fundamental para que a nosa provincia non estea tan avellentada e os veciños e veciñas poidan quedar a vivir aquí”.
“Non podemos seguir sendo esa provincia esquecida... Non é normal que a xente da Mariña decidamos ir a Asturias a coller un voo ou que vir á cidade de Lugo supoña o mesmo tempo que hai trinta e pico anos”.
Nese senso, a presidenta provincial explicou que destinará o remanente á mellora das estradas e lembrou que lles reclamou, tanto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coma ao Delegado do Goberno, Pedro Blanco, a necesidade de facer investimentos nas vías porque “son débedas pendentes coa provincia e non podemos esperar máis”.
En canto ás infraestruturas enerxéticas, Carmela López reclamou “un compromiso claro” por parte de todas as administracións para apoiar industrias como Alcoa.
“O que non se necesita na provincia nin na Mariña son máis incertezas. Existe un compromiso e as administracións temos que estar ao lado deste tipo de industrias que xeran tantísimo emprego e que condicionan a vida da Mariña, neste caso, e da provincia”.