Publicador de contidos

Publicador de contidos

PPdeG e PSdeG alcanzan un pacto pola lingua: os centros poderán elixir que materias dan en galego

PPdeG e PSdeG alcanzan un pacto pola lingua: os centros poderán elixir que materias dan en galego

Materias científicas e tecnolóxicas que actualmente están vetadas para o galego poderán impartirse nesta lingua a partir do curso 28-29, sempre mantendo as cotas asignadas a cada idioma

G24.gal 24/09/2026 11:02 Última actualización 24/09/2026 11:40

Os grupos parlamentarios do PPdeG e do PSdeG chegaron a un acordo para a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega que inclúe retoques para flexibilizar o decreto que rexe o emprego de idiomas no ámbito educativo.

Deste xeito, segundo recollen ambos os partidos nun documento conxunto dado a coñecer este xoves, algunhas das materias científicas e tecnolóxicas que na actualidade non poden impartirse en galego poderán, a partir do curso 2028-29, darse nesta lingua, sempre e cando se manteñan as cotas asignadas a cada idioma.

Nos centros educativos bilingües a distribución seguirá sendo dunha metade das materias en cada lingua, mentres que nos centros plurilingües prevese un terzo en castelán, outro en galego e o restante en inglés.

O documento recolle outras medidas pactadas no ámbito educativo, como que o profesorado empregará nas aulas de educación infantil "a lingua materna predominante entre o alumnado" e con "especial atención a que en todos os ámbitos, e especialmente nas contornas urbanas e periurbanas, o galego se use tanto como o castelán".

Así mesmo, os centros educativos deberán incorporar ao seu proxecto lingüístico un apartado de seguimento dos seus obxectivos e de avaliación das accións impulsadas para dar cumprimento ás medidas contempladas neste Plan xeral de normalización da lingua galega.

Máis alá da escola

As medidas pactadas por populares e socialistas abarcan máis ámbitos, como os medios de comunicación, onde se promoverá que as declaracións sexan transcritas nas linguas que se realicen; ou a produción audiovisual, dado que se aumentará o financiamento para contidos en galego e haberá un plan para "optimizar" a súa presenza en espazos dixitais.

De forma complementaria ao texto xa vixente prevense novos plans de promoción da lectura en galego, cooperación co Goberno para avances lingüísticos en ámbitos administrativos, e maior dotación orzamentaria, de polo menos millón e medio de euros no presente exercicio e ata mobilizar máis de 65 millóns de euros nos próximos catro anos.

A Xunta deberá encargarse de elaborar informes anuais de seguimento destes acordos e de remitilos ao Parlamento de Galicia para o seu debate, o primeiro deles no primeiro trimestre de 2027; tendo en conta que se prevé aplicar as modificacións normativas, polo menos no ámbito educativo, antes do termo de 2026.

O preámbulo do acordo recolle que este documento é resultado do traballo de ata once comisións sectoriais con máis dun centenar de expertos e achegas de particulares, entidades e institucións que alcanzaron "máis de catrocentos contactos".

No entanto, o BNG desmarcouse destas negociacións polas súas discrepancias coa política lingüística do PP e a negativa dos populares a asumir a súa petición de derrogar o decreto que rexe o uso de cada idioma no ámbito educativo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade