López Campos: "Precisamos unha ferramenta para o galego que se adapte aos novos tempos"
O conselleiro da Lingua destaca retos para o idioma, máis alá da educación: "A xente nova ten que ver que falar galego é un símbolo de prestixio social e que é o noso maior patrimonio"
Lara Méndez, defende desde o PSdeG, que o pacto "é só o inicio" para conquistar novos espazos para a lingua ante unha situación de emerxencia
Ana Pontón acusa os socialistas de "branquear a política lingüicida" da Xunta
"O galego enfronta retos inimaxinables hai 22 anos, cando se aprobou a anterior folla de ruta", di José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude. Así, tras o pacto pola lingua alcanzado entre o PPdeG e o PSdeG, cre que "precisamos unha ferramenta que se adapte aos novos tempos".
Para o conselleiro esa ferramenta ten que ser "flexible e que teña políticas de apoio ao galego nos contornos dixitais". "Na xente nova perdeuse en certa medida a transmisión xeracional", afirmou nunha entrevista no informativo Galicia por diante, da Radio Galega, e defendeu que ese papel poida ser asumido pola tecnoloxía, con máis contidos e prescritores.
"O idioma é unha ventá de oportunidade", asegura, e "a xente, fale ou non galego, ten un sentimento moi favorable cara ao idioma, e isto temos que aproveitalo".
E para sumar novos falantes, o conselleiro cre que "na tecnoloxía está unha parte da solución, eu aí non vexo o problema". "A xente nova ten que ver que falar galego é un símbolo de prestixio social e que é o noso maior patrimonio", conclúe.
En canto ao pacto, López Campos destacou o labor de "construír consensos, que non é sinxelo", e afeou a postura do BNG, "que non é que non estivese, senón que dinamitou o proceso".
Con todo, o conselleiro da Lingua felicitouse por un acordo que "ten traballo por diante". En canto ao ámbito educativo anticipou un calendario de 16 meses para poñer en marcha as reformas, "para adaptar os currículos, as materias e facer os proxectos educativos" que plasmen a eliminación do veto do idioma nas materias científicas, pero mantendo sempre o equilibrio entre galego e castelán.
Con todo, insistiu en sinalar os retos no ámbito tecnolóxico, os novos galegos, os medios de comunicación ou as políticas culturais, onde se terá que dar a batalla para "levar ao plano social" o esforzo para recuperar espazos para o idioma.
López Campos destacou tamén a boa acollida que está a ter o acordo, que xa avanzou que se verá reflectido nos próximos orzamentos "que recollerán este esforzo".
Lara Méndez: "Nós seriamos máis ambiciosos"
A vicevoceira do PSdeG no Parlamento, Lara Méndez, volveu sinalar este xoves que a situación do idioma é "de emerxencia", e por iso os socialistas deron o paso para pactar o acordo pola lingua co PPdeG.
Méndez asegurou que ese acordo recolle avances, "pero nós seriamos máis ambiciosos". De feito, no ámbito da educación, que é onde máis debate se xerou, dixo que "non descartamos a que o 50 % [de materias en galego] sexa un mínimo". "Con este acordo non finaliza nada, e seguiremos traballando para lograr novos espazos para o galego, e non so no ámbito educativo", afirmou durante unha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia.
Méndez defendeu o pacto porque se trataba "de avanzar". Definiu a situación do idioma como "insostible", e dixo que "desde a responsabilidade, tiñamos a obriga de facelo".
"Sería moi triste botar a vista atrás, dentro de dez, vinte anos, e que houbese oportunidade de poder chegar a acordos para avanzar e non facer nada", afirmou a deputada socialista.
Pontón sinala o PSdeG por "branquear" o PP
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, cargou este venres contra o pacto entre o PP e o PSOE para a actualización do plan xeral de normalización da lingua galega co que os socialistas van "branquear a política lingüicida" da Xunta a cambio de "cargos institucionais".
Pontón compareceu este venres para dar conta dun pacto que "mantén punto por punto" o mesmo "decreto da vergoña", dixo en referencia ao decreto do plurilingüismo, en vigor desde 2010.
Ironizou con que o “suposto grande avance” que queiran vender PP e PSOE é que se levanta o veto a impartir matemáticas en galego a cambio de que entón se prohiba ensinar historia ou bioloxía en galego. “É tan absurdo que parece unha distopía”.
Ademais, a líder nacionalista apuntou que este pacto supón unha "falta de respecto ás familias que queren que os seus fillos coñezan a nosa propia lingua" e teñan a oportunidade de adquirir competencias.
Pontón tamén puxo o foco na cuestión relativa á educación infantil, que debuxa unha "trampa perfecta" ao incluír como premisa que o profesorado continúe "empregando nas aulas a lingua materna predominante" despois de 16 anos traballando na "desaparición do idioma".