A Fiscalía rexeita arquivar a causa contra Tomé e pide novas dilixencias
PP e Goberno provincial chocan pola posible cobertura dos gastos legais do expresidente da Deputación de Lugo
Carlos Castro/Europa Press
A investigación xudicial ao expresidente da Deputación de Lugo José Tomé por un suposto delito contra a liberdade sexual entrou nunha nova fase despois de que a Fiscalía Provincial de Lugo se opoña ao arquivo da causa e solicite a práctica de novas dilixencias para esclarecer os feitos denunciados.
A posición do Ministerio Fiscal, coñecida este mércores, provocou ademais unha intensa confrontación política na Deputación lucense, onde o Partido Popular acusa a Tomé de pretender que a institución provincial asuma os custos da súa defensa xurídica, mentres que a Presidencia da Deputación nega que exista decisión ningunha para destinar fondos públicos a ese fin e acusa os populares de difundir información incompleta.
Nun escrito datado o pasado 22 de maio, a Fiscalía Provincial de Lugo rexeita o recurso presentado pola defensa de José Tomé contra a resolución xudicial que acordou continuar a instrución do caso.
O Ministerio Fiscal sostén que a petición de sobresemento resulta prematura "porque aínda quedan actuacións de investigación relevantes por practicar e porque a causa se atopa nunha fase inicial".
Aínda que recoñece que, coa información dispoñible ata o momento, resulta complexo encaixar os feitos denunciados dentro do delito específico de acoso sexual, a Fiscalía considera que "aínda non existen elementos suficientes para descartar esa posibilidade de forma definitiva".
Ademais, o escrito advirte de que, incluso se finalmente non se apreciase a existencia dun delito de acoso sexual, os feitos investigados poderían ser constitutivos doutros ilícitos penais relacionados coa liberdade e a dignidade das persoas.
Entre as posibles figuras delituosas que menciona o Ministerio Fiscal figuran ameazas, coaccións, trato degradante ou condutas de carácter sexual que puidesen xerar unha situación obxectivamente "humillante, hostil ou intimidatoria para a denunciante".
A Fiscalía pide que se incorporen á causa as conversas mantidas entre a denunciante e o investigado
Para avanzar no esclarecemento dos feitos, a Fiscalía solicita a práctica de novas dilixencias.
Entre elas reclama a incorporación ao procedemento das conversas mantidas entre a denunciante e o investigado, documentación que considera relevante para determinar o alcance dos feitos denunciados.
Así mesmo, pide a declaración de varias persoas identificadas polas testemuñas que xa compareceron durante a instrución e que poderían achegar información relevante sobre os feitos ou incluso ter vivido situacións similares.
O obxectivo destas actuacións, segundo recolle o escrito fiscal, é obter unha reconstrución o máis precisa posible dos acontecementos investigados antes de adoptar calquera decisión definitiva sobre a continuidade ou non do procedemento.
Por todo iso, a Fiscalía solicita que se desestime o recurso presentado pola defensa e que se manteña a investigación aberta.
O PP di que Tomé quere que a Deputación pague a súa defensa
Coincidindo coa difusión da posición da Fiscalía, o Grupo Provincial do Partido Popular elevou o ton das súas críticas contra o expresidente da Deputación.
O portavoz popular, Antonio Ameijide, acompañado polos viceportavoces Demetrio Salgueiro e José Ángel Santos, asegurou que José Tomé solicitou que a Deputación de Lugo asuma os gastos derivados da súa defensa xurídica nesta causa xudicial.
Segundo explicou o dirixente popular, o seu grupo tivo acceso á documentación relacionada con esa petición despois de denunciar dificultades para consultar o expediente correspondente.
Ameijide afirmou que a solicitude foi presentada o pasado 27 de abril e que contempla uns honorarios de 37.000 euros, sen IVE, correspondentes ao despacho Gómez de Liaño & Márquez de Prado Avogados. Ao xuízo do PP, resulta "inaceptable que recursos públicos poidan destinarse a sufragar a defensa dunha persoa investigada por un presunto delito sexual".
Por este motivo, os populares anunciaron a presentación dunha moción no próximo pleno provincial para impedir que a Deputación poida asumir gastos xurídicos de representantes políticos ou traballadores públicos investigados por delitos sexuais ou por condutas que vulneren os dereitos das mulleres.
Ameijide foi especialmente crítico co actual goberno provincial e esixiu ao PSOE e ao BNG posicionarse publicamente sobre esta cuestión. Tamén insinuou que a cobertura destes gastos podería formar parte das condicións pactadas tras a substitución producida recentemente na presidencia da Deputación.
Durante a súa comparecencia, o portavoz popular cuestionou igualmente o papel do BNG e reclamou unha postura clara da formación nacionalista sobre o posible uso de diñeiro público para sufragar a defensa de Tomé.
A presidenta da Deputación nega que vaian pagar a defensa de Tomé
As acusacións do PP atoparon unha resposta inmediata por parte da Presidencia da Deputación de Lugo. A actual presidenta, Carmela López, rexeitou de forma taxativa que exista unha decisión para asumir con fondos públicos os gastos de defensa xurídica do expresidente e cualificou de incorrecta a interpretación realizada polos populares.
Segundo explicou a institución provincial, a Deputación dispón desde hai tempo dunha póliza de responsabilidade civil para autoridades que cobre os 25 deputados provinciais e o persoal da Administración Xeral.
Non obstante, subliña que esa cobertura está sometida a condicións estritas. En concreto, a aseguradora unicamente podería asumir determinados gastos no caso de que o solicitante resultase absolto ou de que a causa fose arquivada. Pola contra, a póliza non contempla a cobertura de custos derivados de condutas delituosas acreditadas.
Desde a Deputación insisten en que non existe acordo ningún para destinar diñeiro público á defensa de José Tomé e consideran que o PP omitiu deliberadamente información relevante ao presentar o asunto ante a opinión pública.
Polémica polo acceso á documentación
Outro dos puntos de enfrontamento entre ambas partes xira arredor do acceso á documentación solicitada polo Grupo Popular. Os populares denunciaron que inicialmente se lles remitiu un expediente distinto ao solicitado, relacionado cunha petición económica do Concello de Monforte por importe superior a dous millóns de euros.
A Presidencia recoñece que se produciu un erro material no envío da documentación, pero sostén que foi detectado e corrixido de forma inmediata, remitíndose posteriormente o expediente correcto.
Para o goberno provincial, "converter ese incidente administrativo nunha suposta estratexia de ocultación carece de fundamento e non responde ao acontecido".