Investigada unha veciña de Santiago por malos tratos a residentes en centros de maiores
A muller, unha traballadora do centro de 45 anos, está acusada tamén sete delitos continuados de furto
Garda Civil
A Garda Civil investiga unha muller de 45 anos de idade, veciña de Santiago de Compostela, como presunta autora de varios delitos continuados de furto e malos tratos a persoas de avanzada idade e dependentes residentes en centros de maiores.
As pescudas comezaron a principios do pasado mes de marzo tras unha denuncia por subtracción de xoias interposta por residentes dun centro de maiores. Os axentes identificaron como presunta autora dos roubos unha traballadora do propio centro, encargada do coidado directo de persoas maiores e grandes dependentes.
Dispensaba un trato "degradante e abusivo" aos maiores, "menosprezando a súa dignidade"
Os investigadores comprobaron que a muller levaba varios anos actuando deste xeito polos diferentes centros xerontolóxicos en que traballou: tres deles situados en Santiago de Compostela e un en Teo.
Aproveitaba a intimidade dos labores cotiáns de aseo, alimentación e coidado para subtraer os efectos de valor, que despois vendía en casas de empeño dun municipio limítrofe. Desde 2023 obtivo un beneficio económico de máis de 12.000 euros.
Ademais, os axentes constataron que dispensaba un trato "degradante e abusivo" ás súas vítimas no transcurso das súas tarefas diarias, "menosprezando a súa dignidade".
A Garda Civil atribúelle un total de sete delitos de furto e dous de malos tratos.