Publicador de contidos

Publicador de contidos

Frustran o roubo de maquinaria agrícola en Cospeito

Frustran o roubo de maquinaria agrícola en Cospeito

Os donos dunha enroladora puideron recuperala ao alertaren a veciñanza cunha mensaxe nun grupo de WhatsApp

A máquina enroladora que quixeron roubar está valorada en máis de 2.000 euros
Félix Aragunde. Imaxe: Lucía Carballo. 08/09/2026 14:11

Grazas a unha mensaxe de voz, unha familia de Roás, en Cospeito, puido recuperar unha máquina enroladora que lles intentaron roubar na casa. Previamente, os ladróns acudiron á vivenda dos donos, no lugar de Grandameá, e lograron convencelos para poder levar a maquinaria, coa escusa de que o seu fillo llela vendera. 

"Díxome que xa falara co meu fillo, que xa lla vendera e que a ían levar nese mesmo momento, e eu crinllo todo. Entón cheguei á casa e comenteille ao meu marido que o fillo vendera a enroladora pero que a min non ma pagaran, o que motivou a súa estrañeza posto que non falara con el", sinala Benilde Anllo, dona da maquinaria

Pero os ladróns non lograron chegar moi lonxe. A corda coa que amarraran a máquina ao seu furgón rompeulles á beira doutra casa do mesmo barrio. E entrementres, o fillo dos donos alertou a veciñanza a través dun audio compartido por WhatsApp entre os residentes na zona.

"A muller do veciño viu a mensaxe que enviara e chamou o seu home, que xusto nese intre lles estaba axudando aos ladróns, para advertilo do que acontecera. Daquela el foinos enredando para gañar tempo e non puideron subir a máquina", engade a propietaria da enroladora. 

Unha vez denunciado o intento de roubo da máquina, valorada en miles de euros, a Garda Civil investiga agora a autoría destes feitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade