Entra a roubar polo balcón, queda atrapada e ten que pedir auxiio para ser rescatada
Sucedeu nun edificio situado na rúa Ramón Piñeiro de Vilagarcía
Quixo saír pola porta pero era blindada e cando regresou ao balcón as persoas que a axudaran a subir, desaparecera
A secuencia tivo como escenario un edificio situado na rúa Ramón Pineiro en Vilagarcía. Ao redor das 5 da tarde no Servizo Municipal de Emerxencia reciben aviso da Policía Local para rescatar unha persoa que quedara atrapada no primeiro andar. A sorpresa foi maiúscula ao chegar porque non era unha veciña do inmoble a que pedira axuda para saír desde o balcón, se non unha presunta ladroa, como relata Francisco Xabier Guillán, xefe do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía de Arousa.
Segundo confirmou a Policia Local, a muller accedera polo balcón á vivenda con intención de roubar cartos que non atopou. Quixo saír pola porta pero era blindada e cando regresou ao balcón as persoas que a axudaran a subir, desapareceran. Non lle quedou máis remedio que pedir auxilio e os veciños alertaron a Policía Local. Tras ser rescatada foi detida e trasladada a dependencias policiais.
Os veciños do edificio, que non quixeron falar diante das cámaras por temor a represalias, engadiron contexto á historia. Aseguran que a vivenda estivo ocupada. Lograron botalos pero sospeitan que onte volveron entrar para recuperar cartos ou droga que deixaran.