Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atraca un banco en Catoira, pistola na man

Atraca un banco en Catoira, pistola na man

O home ameazou a caixeira da oficina cunha arma curta, que podería ser real ou simulada

Marchou do banco a pé, e despois parece que conseguiu fuxir nunha motocicleta

Fachada da sucursal bancaria atracada en Catoira
G24.gal 03/09/2026 14:06

O atraco foi nunha sucursal bancaria no centro mesmo de Catoira, pero era cedo -arredor das nove da mañá- e aínda había pouco movemento na rúa. Por iso ninguén notou nada raro cando un home, a cara descuberta, tocou o timbre para entrar no banco. Como a calquera usuario, abríronlle a porta. Dentro da oficina estaban os dous traballadores, e Manuel Ribeiro, un cliente.

"Estaba no banco e entrou un tío, o atracador, e conforme entrou sacou unha pistola. Botou a man ao peto e sacou un trabuco, púxolla na cabeza á caixeira e díxolle que lle dera os cartos todos", explica Manuel, que di que chegou a encararse con el.

"Encareime un pouco con el, díxenlle: 'Que fas, parvo?', pero, ao que lle protestei, apuntoume coa pistola e díxome que me puxese nun lado", lembra.

Increpouno porque, no momento, pensou que o atraco era de broma. Di que a pistola "lle pareceu de xoguete", así que pensou que era "unha broma que lle gastaban á caixeira". Di que todo sucedeu en poucos minutos: o home entrou, sacou a arma, colleu os cartos e marchou a pé.

"Saíu pola porta tranquilamente, andando, tranquilo. Camiñou uns douscentos metros, vixieino ata que o perdin de vista. Disque tiña unha moto por aí aparcada, pero non sei máis nada", di Manuel. 

A imaxe que tomaron as cámaras de seguridade empezou a circular polas redes. E Fernando, hostaleiro, recoñeceu o sospeitoso: despois de dar o golpe, parou tomar café no seu bar. 

"Chegou en moto, todo despeiteado, cunhas pintas raras, que me chocaron. Logo empezaron a dicir que fuxira en moto, e pensei se sería o mesmo", di Fernando Rial. "Nunca o vira, pero penso que si que o era", conclúe.

A Garda Civil ten aberta a investigación para localizar o home, único sospeitoso do presunto delito de roubo con violencia e intimidación. Non transcendeu a cantidade de cartos que roubou do banco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade