Detida unha coidadora en Marín por subtraer 9.000 euros en xoias a un matrimonio de maiores
Outra muller foi identificada en Marín por facer un uso fraudulento dunha tarxeta bancaria dunha anciá á que prestaba asistencia domiciliaria
A Policía Nacional de Marín detivo unha muller que coidaba dúas persoas maiores de avanzada idade e en situación vulnerable, e que subtraeu xoias do domicilio e as vendeu en establecementos de compra-venda doutras localidades da provincia.
A Policía Nacional di que os axentes se decataron dunha actividade inusual de venda de xoias por parte da muller.
Así mesmo, os axentes comprobaron que moitas das xoias que vendía tiñan inscritas iniciais, datas e nomes que coincidían cos dun matrimonio maior residente en Marín ao que prestaba coidados no domicilio.
Os axentes recuperaron diferentes xoias valoradas en 9.000 euros, entre elas alianzas de voda gravadas coas iniciais da parella vítima da subtracción.
Nos últimos meses, a Policía Nacional de Marín identificou ademais outra muller como autora do uso fraudulento dunha tarxeta bancaria dunha anciá á que prestaba asistencia domiciliaria.
A muller realizou varias retiradas de diñeiro non autorizadas en caixeiros automáticos, aproveitándose da confianza e da situación de vulnerabilidade da persoa á que atendía.