O convento do Carme de Santiago recibe visitas tras catro séculos de clausura estrita
As monxas carmelitas deixaron o convento en 2024, e agora están nel uns carmelitas contemplativos cun carisma hospitalario
Os carmelitas contemplativos Adrián e Juan Diego son os irmáns encargados hoxe de abrir o convento de clausura a dous grupos da Semana do Patrimonio Invisible.
Os grupos da visita entran pola igrexa que foi durante catros séculos o único punto de contacto entre o mundo exterior e a vida intramuros do convento. A comunicación -só entre o sancristán externo e sancristá interna- era sempre entre as reixas das pequenas bufardas. Agora as cousas cambiaron.
"A nosa é agora unha clausura cun carisma de hospitalidade . Atendemos e aloxamos persoas que desexen pasar un período de retiro", din o irmán Juan Diego e o irmán Freddy.
Polo seu valor artístico e simboloxía, o coro baixo é unha das zonas máis metafóricas. Enma Gutiérrez Castro, guía turístico de Galicia destaca na visita guiada que ese era o lugar onde comezaban as novicias e onde se facían os velorios. E tamén o valor escultórico. Ademais, reivindica a figura da fundadora do convento.
"María Antonia de Jesús é a única mística galega e debiamos poñela en valor pola calidade dos seus escritos", di Enma Gutiérrez Castro.
A visita convértese tamén nunha reflexión sobre o sentido dunha vida contemplativa.