Os arqueólogos van de sorpresa en sorpresa no convento pontevedrés de Santa Clara
As últimas monxas de clausura acabaron marchando no 2021 e o convento pasou ás mans publicas
Antes da rehabilitación do edificio, as intervencións arqueolóxicas están a descubrir nel pezas que espertan gran repercusión
O convento pontevedrés de Santa Clara levaba máis de 700 anos pechado. As últimas monxas de clausura acabaron marchando hai pouco, e agora o convento será rehabilitado. Pero, antes de comezar coas obras, están a traballar nel os arqueólogos, que van de sorpresa en sorpresa.
Espertou ampla repercusión mediática o achado de dous cerebros saponificados, atopados sen cranio e así conservados baixo terra aproximadamente dende o século XVII. Constitúe un dos poucos casos semellantes coñecidos en todo o mundo.
Pero os arqueólogos sinalan tamén a importancia das roupaxes sorprendentemente ben conservadas que atoparon nas tumbas escavadas, e fragmentos de cerámica da dinastía Ming ou dunha peza italiana que calculan do século XV e cren única en Galicia.
Son mostras que falan de como era a vida material na Galicia da Época Moderna, pezas que demostran, ademais, que a clausura das clarisas tiña algunha abertura pola que entraba o mundo.