As escavacións en Santa Clara sacan á luz restos medievais e mil pezas arqueolóxicas
No convento pontevedres hai vestixios dunha edificación, dunha rampla de acceso e unha porta que podería pertencer a un antigo edificio destinado á almacenamento; tamén foron atopadas no bosque tres novas sepulturas
Nos traballos arqueolóxicos participan unha vintena de arqueólogos, restauradores e especialistas en patrimonio procedentes de diferentes universidades e centros de investigación
Restos do muro dunha edificación medieval atopados nos traballos de escavación no Convento de Santa Clara. TVG.
As escavacións arqueolóxicas que se desenvolven desde comezos de xuño no convento de Santa Clara continúan achegando novos datos sobre o pasado deste histórico enclave pontevedrés. Os traballos permitiron documentar xa estruturas medievais, numerosos enterramentos, pavimentos históricos e recuperar máis dun milleiro de pezas arqueolóxicas.
Durante unha visita ás obras este martes, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, asegurou que estes achados serán determinantes para definir o futuro proxecto de rehabilitación do complexo.
"Todo o que hoxe se documenta baixo os nosos pés condicionará o Santa Clara do futuro", afirmou.
A intervención mobiliza a preto dunha vintena de profesionais, entre arqueólogos, restauradores e especialistas en patrimonio procedentes de diferentes universidades e centros de investigación, coordinados pola empresa A Citania Arqueoloxía e Xestión de Patrimonio S. L.
Segundo explicou Domínguez, os traballos están a confirmar o importante potencial arqueolóxico do enclave e demostran que "Santa Clara xa non está sobre o papel", en resposta ás críticas sobre a lentitude do proxecto.
Restos de edificacións medievais e enterramentos
Entre os descubrimentos realizados destacan, na zona occidental do convento, restos de edificacións medievais, unha rampla de acceso e unha porta que podería pertencer a un antigo edificio destinado a almacenamento.
No claustro xa se localizaron varios enterramentos tras retirar o pavimento, mentres que no bosque apareceron tres novas sepulturas que se suman ás documentadas durante a campaña de 2022. A igrexa será a seguinte zona na que se actuará.
Na visita tamén participou o presidente da Deputación, Luis López, que defendeu que "os achados son esperanzadores e o balance final probablemente superará as expectativas iniciais".
Santa Clara será a sétima sede do Museo de Pontevedra
O mandatario provincial insistiu en que o obxectivo final é converter o antigo convento na sétima sede do Museo de Pontevedra, un espazo destinado a usos culturais e aberto á cidadanía.
López recoñeceu, no entanto, que se trata dunha actuación de gran complexidade técnica e administrativa, o que obrigou mesmo a modificar parte do proxecto inicial para adaptalo aos novos condicionantes arqueolóxicos.
Neste sentido, o presidente provincial coincidiu en que a investigación en marcha será "crucial" para definir a futura musealización do conxunto e garantir a conservación deste patrimonio.