Cargando resultados...
Unha furgoneta arde na AP-9 e provoca un conato de incendio en Vilaboa
A fumareda obrigou a cortar a autoestrada, onde se rexistraron importantes retencións
G24.gal
26/09/2026 17:23
Última actualización 26/09/2026 18:19
Unha furgoneta ardeu por completo este sábado na AP-9 ao seu paso polo concello de Vilaboa. As lapas prenderon nunha zona forestal lindeira e provocaron un conato de incendio que obrigou a cortar a autoestrada.
Segundo informa o 112, ocorreu pasadas as 14:30 horas no quilómetro 141,5 en sentido Vigo, á altura de Santa Cristina de Cobres. O condutor do vehículo, que viaxaba só, aparcou na beiravía tras detectar fume no cadro de mandos.
Os bombeiros do Morrazo encargáronse do vehículo mentres as brigadas forestais extinguían o lume no monte. A intensa fumareda provocou importantes retencións. Non se rexistraron danos persoais.
FOTO: Garda Civil