A decimoquinta edición de Expoconvento adoza o Nadal da Coruña
A feira reúne máis de duascentas especialidades artesás elaboradas en medio cento de conventos de toda España
Quince anos leva xa Expoconvento adozando o Nadal dos coruñeses. A feira reúne máis de 200 variedades de doces elaborados artesanalmente polas monxas e os monxes de medio cento de monasterios de toda España. A estas alturas, as elaboracións máis buscadas están esgotadas.
"Xa non quedan biscoitos marroquís, xemas nin trufas, pero do resto aínda se pode atopar de todo", di Javier Mosquera, o organizador de Expoconvento.
O día da apertura chegaron a formarse colas de dúas horas para mercar algunha destas delicias, elaboradas coas mellores mans e a mellor a materia prima en máis de cincuenta conventos de España.
" Paréceme unha forma de manter a tradición e de soster o traballo das monxas". "Veño por axudar un pouco os conventos e porque teño a confianza de que son produtos artesáns", comentan dous visitantes.
Desde hai quince anos, este paraíso reposteiro abre a comezos de decembro no local parroquial dos Pais Capuchinos. Doces divinos para adozar o Nadal con todo o sabor e sen conservantes. Expoconvento seguirá aberta ata o luns á tarde, sempre que antes non termine as existencias.