O Fortuna tira de épica e celebra a primeira vitoria na casa (4-2)
Remonta un 0-2 ante o Andorra na segunda metade para levar os tres puntos
Marcaron Somuah, Álvaro Marín e Antañón para o Fortuna
Era o primeiro partido en Balaídos, o primeiro do Celta Fortuna de segunda división, que comezaba con homenaxe ás persoas que levaron o filial a este acontecemento histórico. O partido tiña que estar á altura en emoción e así foi, aínda que esa épica tivo que agardar ata a segunda metade.
Os primeiros 45 minutos pasaron sen goles e sen apenas chegadas dos dous equipos, co Andorra algo máis centrado e seguro no campo. Esa seguridade viuse no comezo da segunda metade, na que dous goles de Hugo López nos primeiros minutos facían presaxiar o peor para os de Fredi Álvarez. Poñíase o partido 0-2 no 52. Dous goles que chegaron logo de erros de Meixús, que non tivo o seu mellor partido.
Cando peor estaba xogando o Fortuna, chega o primeiro gol celeste, por medio de Bernard Somuah, que fai soñar. Co 1-2 fai Fredi Álvarez os primeiros cambios. Entran Joel López, Hugo Cuenca, Óscar Marcos e Álvaro Marín; e será este último o que lle dea a volta ao partido. Marca primeiro o empate no 87' e el mesmo desempata a favor do Fortuna no 97'. Nuns minutos, danlle a volta ao marcador, 3-2.
Nos últimos minutos do encontro, con nove de engadido, puido pasar de todo. Tivo o Andorra de novo o empate, nun balón que bateu no longueiro. Pero a sorte da noite era celeste. Andrés Antañón, do mellor do Celta Fortuna, puxo no minuto 101' o 4-2 definitivo no marcador.
Gañou o Fortuna en Balaídos. Primeira vitoria dos de Fredi Álvarez na segunda división.