Malleira do Celta Fortuna no duelo de filiais contra a Real B (4-1)
Os de Fredi volveron comezar mellor, e xa ían 3-0 logo da primeira media hora
Colócanse na zona tranquila con 11 puntos
Brillante vitoria do Celta Fortuna no duelo de filiais, que lle permite rematar cunha serie de catro encontros sen gañar nos que so acadara un punto.
O filial segue a traballar arreo no inicio dos partidos e, desta volta, volveuse adiantar axiña no marcador. Foi cun auténtico golazo de Ángel Arcos a saque dunha falta directa, que pasou de xeito maxistral por riba da barreira para anotar pola escadra de Fraga.
A Real Sociedade B non acusou o golpe, e buscou a igualada. Do mesmo xeito, cunha falta directa, tivo a primeira clara, que tirou preto do ángulo Tomás Carbonell.
Pero o Fortuna non renunciaba a ampliar a renda, e Kibet presionou ben na liña de fondo para roubar e dar un pase da morte que non chegou para o remate de Álvaro Marín. O choque de filiais era un encontro de ida e volta e, pouco despois, tiña que empregarse a fondo Coke Carrillo cun paradón logo dun remate a boca de xerro, nunha xogada que tivo unha segunda acción que rematou en córner.
Tocáballe a vez ao Celta Fortuna, e Óscar Marcos entrou como un foguete na área, sendo derrubado antes de poder armar a perna. O penalti transformouno cun potente disparo Álvaro Marín.
E, sen tempo para dixerir o segundo, unha conducción eléctrica de Ángel Arcos permitíalle ao do Rosal asistir a Álvaro Marín, que asinaba o dobrete con sague frío desde o punto de penalti. 3-0 en pouco máis de media hora. Aínda tivo Kibet outra ocasión antes do descanso, que rematou cun tiro frouxo. E a última foi de Rupérez para o filial donostiarra, pero saíu desviada.
Na segunda metade o Celta Fortuna seguiu creando perigo. E, despois dun par de achegamentos por banda, unha xogada colectiva espectacular culminaba cunha asistencia atrás de Óscar Marcos e cun remate axustado de Kibet, o 4-0. O Sanse buscou o tanto da honra, e puido facelo Dani Díaz. Pero os vigueses estaban seguros atrás e rápidos adiante. Puido marcar o Celta nunha contra na que Milla estivo a piques de completar a parede cara a área pequena, e tamén a Real B nun disparo de Carro que saiu desviado. No treito final, un man a man clarísimo de Soroeta sacouno de xeito milagreiro Coke co pé.
A Real Intensificou o asedio á busca do seu gol, e acadouno cunha cabezada de Balda dun córner. E aínda puido marcar outro tanto na última xogada do partido, que errou Kita. Quedou nunha anécdota, co Fortuna sumando a trceira vitoria da temporada, e asentándose na zona tranquila con 11 puntos.